
O Concello de Trabada, en colaboración coa asociación de sendeirismo Trabada paso a paso, organiza para o vindeiro domingo 15 de novembro a última ruta do programa Coñece Trabada deste ano 2026. “Trátase dunha iniciativa que leva varios anos desenvolvéndose no municipio e que continúa contando cunha boa acollida entre as persoas participantes”, destaca o Concello, que engade: “nesta ocasión, a actividade consistirá nun percorrido a pé desde Trabada ata Fórnea, cunha distancia aproximada de 9,5 quilómetros e unha dificultade media. A saída terá lugar ás 10:00 horas desde a Praza do Concello de Trabada”.
“A ruta permitirá descubrir novos espazos e recunchos do municipio, poñendo en valor a riqueza natural e paisaxística do territorio e ofrecendo unha nova oportunidade para coñecer a contorna a través do sendeirismo”, indica o Concello de Trabada, que tamén anuncia que “ao finalizar o percorrido celebrarase unha comida de convivencia na escola de Fórnea, coa que se dará por concluída a programación de rutas deste ano”.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición, cun custo de 8 euros, ata o 12 de novembro, presencialmente no Concello de Trabada ou a través do teléfono 982.135.011.
Desde a organización lémbrase que será obrigatorio o uso de chaleco reflector durante a actividade.


