O programa Coñece a túa provincia, da Deputación de Lugo, percorre ata o 22 de abril zonas da Mariña, da Ribeira Sacra e da Montaña.

A Deputación de Lugo descobre esta semana a zona da Mariña, a Montaña e a Ribeira Sacra a máis de 140 veciños e veciñas de todas as idades dentro do programa Coñece a túa provincia que impulsa a institución provincial. 

Este martes, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte visitou a Produtora de Audiovisuais da Deputación de Lugo para despois achegarse aos concellos de Barreiros e Ribadeo. Durante a visita coñeceron algúns dos areais barreirenses e a praia das Catedrais. Ademais, achegáronse a Rinlo e pasearon polo casco histórico de Ribadeo. 

Tamén viaxaron á Mariña os alumnos do último ciclo de primaria do colexio Otero Pedrayo de Rábade. Neste caso, visitaron os concellos de Alfoz e O Valadouro e percorreron algúns dos recursos naturais destes municipios. O percorrido comezárono na Granxa Gayoso Castro, onde coñeceron o traballo da institución provincial nestas instalacións.

Mañá mércores, os beneficiarios son da Asociación Social e Cultural dos Veciños deLanzós, de Vilalba, que viaxarán a Monforte de Lemos, despois de visitar o Pazo de San Marcos. O xoves será a quenda da Asociación do Cuarto Ciclo do Campus de Lugo que coñecerán o Mazo de Santa Comba para despois achegarse a Alfoz e O Valadouro, e a Asociación de Veciños do Casco Antigo de Viveiro que, tras facer unha parada na Granxa Gayoso Castro da Deputación, continuarán o seu percorrido ata Monforte.

A Asociación de Veciños de San Román do Vicedo e a Asociación de Veciños de Santa María da Cabeza, da Pobra do Brollón, serán as últimas entidades en realizar esta semana as viaxes. A entidade vicedense visitará o Pazo de San Marcos e coñecerá os concellos da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, mentres que a asociación da Pobra do Brollón achegarase aos concellos de Burela e Foz tras visitar o Centro de Interpretación Terras do Miño.

Un total de máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada da iniciativa coa que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, acompañou este mércores á agrupación valadouresa na súa visita ao Centro de Interpretación Terras do Miño destacando a reedición deste programa incluído no Plan de Impulso da Economía Provincia, “co que buscamos seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre a veciñanza, e seguir consolidando un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”.

Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.