
A Fundación Expomar, de Burela, está a promover o proxecto titulado Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable. Congreso da infancia e da adolescencia, que se desenvolve ao longo dos anos 2025-2026 e está financiado no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal. Popularmente coñecido como Xeración Peixe, o proxecto abrangue diversas actividades nas que colaboran diferentes sectores de actividade e públicos de distintas xeracións: desde centros de ensino ata centros de maiores e de inclusión social.
“Ao longo do mes de marzo en diferentes datas realizaranse actividades de limpeza de praias co alumnado dos centros de educación primaria e secundaria de Burela e a colaboración do centro de educación ambiental Gaia. Os restos de lixo recollido empregaranse nunha exposición como actividade de sensibilización para concienciar sobre a necesidade de manter limpo o medio mariño”, anuncia a Fundación Expomar, que engade: “no mes de marzo tamén se celebrarán obradoiros de arte mareiro en centros de inclusión social da contorna, coa elaboración de pezas de artesanía para usar como obsequio no congreso. Tamén terá lugar un obradoiro interxeracional, que xuntará a grupos de mocidade do Concello de Burela con persoas usuarias da residencia de maiores e do centro de día para recoller contos, lendas, receitas ou historias vinculadas co pobo, coa actividade pesqueira ou con diferentes tradicións e elementos que forman parte do patrimonio inmaterial da vila. No mes de marzo tamén se realizará unha xornada na Escola de Hostalería de Foz cos responsables das cociñas ou empresas de cátering que serven nos comedores escolares e dos centros socio asistenciais da Mariña. Nesta visita poderán catar o Petisco de Peixe, elaborado pola propia Escola de Hostalería dentro do proxecto Xeración Peixe e terminar de ultimar a organización do Día do Peixe, que se celebrará no mes de abril”.
A Fundación Expomar explica ademais que “a segunda semana de abril co Día do Peixe promocionarase o seu consumo a través dun menú especial con receitas de pota e peixe espada facilitado pola Fundación Expomar nos comedores dos centros de ensino públicos, de inclusión e de maiores; unha acción divulgativa que terá un impacto en máis de 1.000 persoas da contorna. Todos os traballos realizados durante este proxecto desde o pasado mes de outubro culminarán no Congreso da infancia e a adolescencia, que se celebrará o xoves 30 de abril na Casa da Cultura de Burela e no que se exporá o resultado das actividades realizadas, con diferentes relatorios e mostras de artesanía, cultura, literatura e gastronomía”.
“Este evento axudará a poñer en valor o potencial da pesca o dos seus produtos na costa e na provincia de Lugo, non só polo que implica a nivel de alimentación, senón polo que supón no ámbito do desenvolvemento social e económico”, asegura a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.


