O Valadouro celebra as Letras Galegas o venres 16 de maio cun acto dedicado ás cantareiras e á tradición oral

O Concello do Valadouro organiza un acto dedicado ás cantareiras e á tradición oral para celebrar as Letras Galegas. Será o venres 16 de maio no salón de actos da Casa da Cultura ás 20:30 horas.

“Será moderado por Lionel Rexes, que facilitará o paso entre as actuacións realizando breves reseñas sobre a xornada e a tradición oral e as cantigas. Trémola Teatro ofrecerá os seus contos da avoa, que cando era nova xuntábase coas amigas para contar e cantar contos e cantigas. Historia popular feita música. E a asociación cultural Amado Lar estará representado polas cantareiras que ofrecerán varias pezas froito das recolleitas populares polas vilas e aldeas de Galicia”, anuncia o Concello do Valadouro, que engade: “nesta edición o Día das Letras Galegas 2025 está dedicado ás cantareiras, mulleres galegas fundamentais na preservación e transmisión da poesía popular oral e da música tradicional galega”.