O campo do Árbol do Valadouro acollerá o vindeiro sábado, 14 de setembro, un torneo de fútbol base organizado pola Concellería de Deportes do Valadouro e a AD Río Ouro, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Mocidade Daniel García, o concelleiro de Deportes do Valadouro, EliseoTeijeiro, e representantes do club organizador presentaron o torneo, que reunirá máis dunha vintena de equipos das categorías alevín, benxamín e prebenxamín de clubs de Lugo e Asturias e que será un dos primeiros en celebrarse na provincia tras o parón da actividade competitiva e de adestramentos que supón o verán.
O deputado Daniel García valorou “a colaboración entre o concello e ao club para organizar este evento e para ofrecer ás nenas e nenos do concello alternativas de ocio saudable ao longo do ano”e incidiu na “relevancia do deporte como motor de dinamización social, especialmente nos concellos pequenos”
O concelleiro do Valadouro, EliseoTeijeiro, explicou “a aposta do goberno local por reforzar a actividade deportiva e revitalizar as instalacións do Árbol coa celebración de eventos como este torneo,que traen xente ao concello e poñen en valor o traballo da AD Río Ouro”
A Vicepresidencia da Deputación colabora na organización do evento, reforzando o apoio que ofrece ao club valadourés e ao tecido deportivo a través das axudas de concorrencia para entidades deportivas.