O XL Festival de San Bartolo, de Xove, celebrarase este sábado, 29 de agosto

O Concello de Xove anima a gozar da XL edición do Festival de San Bartolo, “unha das citas máis esperadas dentro do programa das festas patronais na honra de San Bartolo e a Virxe do Carme”. O festival, organizado un ano máis pola Asociación Cultural Saíñas de Xove, terá lugar o sábado, 29 de agosto, ás 19:30 horas, no Pavillón de Deportes de Xove e ofrecerá ao público “unha tarde de música, baile tradicional, festa e diversión”.

Nesta edición o programa contará coa actuación do grupo Xoaniña da A. C. Saíñas, que “volverá amosar o traballo que desenvolve a asociación a prol da conservación e difusión da nosa cultura e do noso folclore. Como grupo convidado, o festival contará coa presenza da Asociación Folclórica O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante, unha formación que achegará a Xove a súa música, os seus bailes e o seu saber facer, contribuíndo a crear ese ambiente festivo que caracteriza esta celebración e que, de seguro, fará as delicias do público asistente”.

Desde o Concello de Xove agradecen á Asociación Cultural Saíñas “o seu traballo constante e incansable ao longo de todo o ano, así como o seu importante labor social e cultural. Grazas á súa dedicación o noso folclore mantense vivo, transmítese entre xeracións e o nome de Xove viaxa por outros lugares, levando con orgullo a nosa identidade e a nosa cultura”.

O XL Festival de San Bartolo “convértese así na guinda das festas patronais, nun encontro para gozar da música e do baile tradicional e, sobre todo, para compartir unha xornada de festa coa veciñanza e con todas as persoas que se acheguen ata Xove. Desde o Concello convidamos a toda a veciñanza e a quen nos visite a acompañarnos o sábado, 29 de agosto, ás 19:30 horas, no Pavillón de Deportes, para gozar desta gran festa do folclore”.