Os días 28 e 29 de novembro terán lugar en Ribadeo as segundas xornadas dos torresmos. Participan 23 locais hostaleiros

Os días 28 e 29 de novembro terá lugar en Ribadeo unha nova edición das xornadas dos torresmos, que organiza Acisa coa colaboración de Celtagal. Na cita participan 23 locais hostaleiros. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “a última fin de semana de novembro chegan a Ribadeo as xornadas dos torresmos, unha cita gastronómica na que participarán 23 locais hostaleiros asociados a Acisa, que van ofrecer algo moi tradicional e apetecible, torresmos de porco celta. Celtagal facilítanos de forma gratuíta preto de 40 quilos de touciño de porco celta, que imos distribuír entre os locais participantes, que van contar cunha axuda para poder levar adiante estas xornadas. Desde Acisa facilitámoslles algo de touciño, que logo eles completarán, si así consideran, co que xa teñan nas súas cociñas ou co que lles encarguen ao seus provedores”. 

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, indicou que “estas serán as segundas xornadas dos torresmos, que organicemos desde Acisa coa colaboración de Celtagal. As primeiras tiveron lugar en 2024 e agora repetimos cun produto que gusta moito. O prezo das tapas de torresmos de porco celta será de 1,5 euros e poderán degustarse tanto o sábado, 28 de novembro, como o domingo 29. Agardamos que esta nova cita gastronómica sexa un éxito para a hostalería ribadense á que lle entregamos, unha vez máis, materia prima co obxectivo de aforrarlle custes nesta nova campaña”.

Cruzado Iglesias declarou: “queremos agradecerlle a Celtagal a súa colaboración, xa que nos cede o produto de porco celta de xeito totalmente gratuíto. Apostamos unha vez máis por unha empresa da comarca da Mariña e por un produto de calidade como é o porco celta”.  

E engadiu: “isto marca unha clara liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos, que é procurar realizar actividades facilitando materia prima para os participantes, o que sen dúbida consideramos que é un valor engadido que Acisa ofrece aos seus establecementos e tamén pode ser un valor engadido para atraer a novos establecementos a formar parte do noso colectivo. O noso obxectivo é seguir medrando nos vindeiros meses”. 

O xerente de Acisa dixo: “con estas xornadas o que queremos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nestas datas que soen ser de menor actividade e ofrecendo así un fin de semana especial, que ademais coincide coa campaña comercial do Black Friday. Deste xeito propoñemos unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano para vir a Ribadeo a desfrutar dunha proposta gastronómica diferente, que a todo o mundo lle gusta, e dunha fin de semana de compras”. 

Os locais que ofrecerán torresmos os días 28 e 29 de novembro en Ribadeo son: La Balastrera, Mar de Rinlo, La Quinta, El Huerto, Cienfuegos, La Solana, Barallocas, Marinero, O Indiano, A Mirandilla, Ramonita, Porto de Rinlo, O Furancho, Galipizza, Kummel, Parrillada Santa Cruz, Náutico, Rosalar, El Rincón del Gordo, La Flor de Jose, Mareta, A Horta de San Roque e Raíces. 

Na presentación das xornadas dos torresmos participaron o xerente de Celtagal, Nando López, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.