Os días 9 e 10 de novembro rematarán os Obradoiros e os Plans con Corazón da Mancomunidade da Mariña con propostas en Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Viveiro e Riotorto

A vindeira fin de semana rematarán os Obradoiros e os Plans con Corazón da Mancomunidade de Concellos da Mariña con diferentes propostas que se desenvolverán en Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Viveiro e Riotorto. 

O sábado, 9 de novembro, haberá un Obradoiro de Kintsugi con Artesanía do Pasatempo, en Mondoñedo. Será de 11.00 a 13.00 horas para público adulto. Trátase dunha experiencia baseada na técnica ancestral xaponesa de reparación de obxectos cerámicos con ouro, onde se resaltan as cicatrices como as experiencias de vida do obxecto. As persoas participantes familiarizaranse co proceso de reparación mediante dita técnica  sendo agasallados co obxecto reparado.

E o domingo, día 10, desenvolverase un  Obradoiro de Rakú con Esquina Atlántica, en Mondoñedo, que terá lugar de 11.00 a 13.00 horas para público adulto. Neste caso trátase dunha experiencia con rakú, técnica xaponesa asociada ao ritual do té, no que as participantes prepararán o seu propio chawan (taza de té) ao  estilo xaponés acercándose á técnica do esmaltado e posterior forneado a altas temperaturas.  

Os Plans con Corazón da Mancomunidade rematarán tamén esta fin de semana. O sábado, 9 de novembro, terá lugar a Ruta polos cemiterios indianos de Ourol, con Noela Feal. E pola Pontenova desenvolverase a ruta Forxados a lume da man de Ana Pena.

Xa o domingo Viveiro será o protagonista coa ruta Cando a biodiversidade se fai dona do patrimonio industrial, con Boris Vilar. E tamén ese día se desenvolverá por Riotorto con Ana Pena a visita denominada As bondades da natureza.
Desde a Mancomunidade informan que nestes momentos están todas as prazas ocupadas das 6 actividades que terán lugar nesta fin de semana de novembro, tanto para Obradoiros como para Plans con Corazón. É posible anotarse nas listas de agarda por si alguén dos anotados non puidera asistir.

Balance da pasada ponte festiva

Máis de 40 persoas participaron nos Obradoiros con Corazón da Mancomunidade de Concellos da Mariña que tiveron lugar do 31 de outubro ao 3 de novembro en Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo. 

Os asistentes tiveron a oportunidade de achegarse a Regal Cerámica, a Miratú, a Raíces Nómadas e ao Fantástico Taller dos Títeres, e coñecer de preto a artesanía e a arte en cerámica, en lá, en pel e en forma de monicreques elaborados con materiais reciclados. Todas as persoas gozaron moito con esta experiencia. 

Procedían de Ribadeo, Foz, Alfoz, Mondoñedo, Viveiro, Navia, Tapia, Mugardos, Pantón, Camariñas e Luxemburgo.

Un total de 17 persoas, guiadas por Boris Vilar, participaron o 1 de novembro na ruta O Penido, megalitismo e outras curiosidades dos altos do Valadouro. Alí tiveron a oportunidade de coñecer distintos puntos de interese da Serra do Xistral. Os participantes chegaron desde Madrid, Burela, Monforte de Lemos, Foz, Xermade, Viveiro, Cervo, A Coruña, Ribadeo e Barreiros.
 
Por Mondoñedo discorreu a ruta do sábado, 2 de novembro, A deus rogando e co mazo dando, que foi guiada por Noela Feal. A Catedral, o convento das Concepcionistas, a Casa do Concello, o Seminario de Santa Catalina ou o barrio dos Muíños foron algúns dos puntos visitados pola expedición de 16 persoas chegadas desde Foz, Burela, Xermade, Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo.

Tamén o sábado se desenvolveu por Ribadeo a ruta Da horta ao mar, vila comercial , que foi guiada por Carmen Delia, quen achegou aos asistentes á importancia comercial nos últimos séculos da vila, do seu porto e do seu casco histórico. Tamén visitaron a modernista praza de abastos onde practicaron a desvainar fabas en seco e fresco da man da Cooperativa Terras da Mariña. Como premio, os 13 participantes, que procedían de Madrid, Burela, Lourenzá, Ourense, Castro Riberas de Lea, Pola de Laviana e Vigo, recibiron unha cesta de produtos da horta de proximidade.

E o pasado domingo a ruta Lendas, paisaxe e cultura desenvolveuse por Lourenzá. Os participantes tamén da man de Carmen Delia achegáronse ao Mosteiro de San Salvador e á historia do Conde Santo, fixeron un treito do Camiño de Santiago, coñeceron aspectos do fenómeno da emigración a América e da figura de Francisco Fernández del Riego. Un total de 20 persoas participaron nesta visita, chegadas de Burela, Xermade, Foz, A Coruña, Vilalba, Ribadeo e Pola de Laviana.