A parroquia de Cervo celebrará a festa da Virxe das Dolores do 20 ao 22 de setembro

A parroquia de Cervo celebrará a Festa na Honra da Virxe das Dolores a vindeira fin de semana, deste o venres 20 ata o domingo 22 de setembro. A cita, organizada pola asociación Virxe das Dolores, coa colaboración do Concello, foi presentada pola tenente de alcaldesa, Mali Méndez, polo edil de Zona Rural, Adrián Arias, e polo membro da comisión de Festas Francisco Casas.

O Concello de Cervo anuncia que “a antesala dos festexos será este venres, coa ruta Venres de Petiscos nos locais A Sacabeira, O Almacén, O Caseto de Copa e A Taberna de Sargadelos. Xa o sábado 21 arrincará a festa propiamente dita cunha sesión vermú ás 14:00 horas a cargo de Louband Street Band, que repetirá pola noite na verbena a partir das 22:30 horas, seguida de Disco Móbil Conxuro. E o domingo 22 haberá pasarrúas a cargo de Fol do Raxal e misa solemne ás 13:00 horas cantada polo Coro de Cervo seguida da procesión acompañada polo grupo Fol do Raxal; a continuación será a sesión vermú prolongada da man de Disco Móbil Conxuro”.

O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes “a desfrutar activamente destas festas, que despiden o verán para dar entrada á nova estación de outono coa alegría e o espírito de convivencia que sempre caracteriza a estes festexos organizados pola asociación Virxe das Dolores”.