A piscina municipal de Lieiro (Cervo) acollerá campus de waterpolo e natación artística en xullo

O Concello de Cervo e a Federación Galega de Natación presentaron os campus de verán que se celebrarán durante o mes de xullo na Piscina Municipal de Lieiro, “consolidando un ano máis ao municipio como un referente na organización de actividades vinculadas ás disciplinas acuáticas”. No acto participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o concelleiro de Deportes, David Rodríguez; e o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión, que puxeron en valor a excelente colaboración existente entre ambas institucións.

A alcaldesa destacou que “é unha satisfacción seguir traballando da man da Federación Galega de Natación para traer ao noso concello actividades deportivas de primeiro nivel. Esta colaboración continuada permite que Cervo sexa unha sede de referencia para o deporte base e para a formación dos mozos e mozas de toda Galicia”.

Dolores García Caramés incidiu tamén na calidade das instalacións deportivas municipais: “a nosa piscina municipal reúne unhas condicións excepcionais para acoller este tipo de campus. Queremos que todos os participantes desfruten tanto das actividades deportivas como da súa estancia en Cervo, e que coñezan tamén todo o que ofrece o noso municipio”.

A rexedora subliñou ademais que “este tipo de iniciativas contribúen a dinamizar a economía local durante o verán e consolidan a imaxe de Cervo como un destino deportivo de referencia”.

Entre as actividades programadas figura o II Campamento de Verán de Waterpolo, que se celebrará do 6 ao 11 de xullo e está dirixido a nenos e nenas nados entre 2012 e 2015, federados e practicantes desta disciplina. O campus estará dirixido polo director técnico da FEGAN, Xavi Pérez, xunto cos adestradores Andrés e Isabel Pérez, e contará con 32 prazas. O programa inclúe pensión completa, adestramentos específicos e actividades de lecer.

Así mesmo, a Piscina Municipal de Lieiro acollerá tamén o II Campamento de Verán de Natación Artística, que terá lugar do 14 ao 18 de xullo para nenos e nenas nados entre 2011 e 2015, tamén federados nesta disciplina. Estará dirixido pola directora técnica da FEGAN, Sandra Montes, xunto á adestradora Candela Fidalgo. O campus contará igualmente con 32 prazas e incluirá pensión completa, sesións de adestramento e actividades recreativas.

Desde o Concello de Cervo agradecen á Federación Galega de Natación a confianza depositada un ano máis nas instalacións municipais e reiteran “o seu compromiso de seguir colaborando na organización de eventos que fomenten o deporte base e continúen situando o municipio como un referente galego das disciplinas acuáticas”.