A praza Maior de Viveiro acollerá o 8 de xuño o I Mercado Vivemar no que haberá degustacións, xogos populares e teatro.

O vindeiro sábado, 8 de xuño, celebrarase en Viveiro o Mercado Vivemar. Terá lugar na Praza Maior en horario de 10:30 a 21:30 horas.

O Mercado está aberto á participación de proxectos alimentarios e artesanais, e pretende ser algo máis que a venda de alimentos ou obxectos e quere converterse nun punto de encontro de nenos e maiores que desexen pasar esa xornada en Viveiro. Haberá degustacións por parte dos participantes e xogos populares.

Tamén haberá un mercadiño infantil, de 16:30 a 19:30 horas, no que os nenos e nenas poderán poñer á venda cousas feitas por eles, tanto de alimentos como de feituras varias no que tamén haxa a posibilidade de interactuar entre eles mediante o troco de útiles. Ao remate deste mercadiño infantil presentarase o espectáculo a pé de rúa de temática feirante, Teatro á feira.