
A Xunta de Galicia anuncia que o delegado territorial en Lugo, Alfonso Villares, participou na presentación da VI Feira do Cabalo de Lourenzá, que se celebrará este domingo, 25 de outubro, coa colaboración do Goberno galego.
A feira, organizada pola asociación Cabaleiros de Lourenzá, comezará ás 9:00 horas e “volverá reunir afeccionados, criadores e xinetes nunha xornada dedicada ao mundo ecuestre e á tradición cabalar, con gran arraigo na comarca”, explica a Xunta, que engade: “a programación inclúe probas de andadura, un concurso morfofuncional de poldros e a celebración do Campionato Cabalo Marchador Galego. Durante a xornada haberá tamén compravenda de gando equino, vacún, ovino caprino e porcino, así como propostas dirixidas ao público infantil, entre elas paseos gratuítos a cabalo. Entregaranse ademais premios aos mellores exemplares -macho e femia- nas categorías de tiro, pura raza árabe, raza española e frisona, entre outras. Tamén se galardoará ao cabalo mellor engalanado ao xeito tradicional”.
Villares animou a participar nesta celebración e desfrutar “dunha xornada na que os cabalos, a tradición e a convivencia son os protagonistas”.


