A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na presentación da XXXVIII Feira do Bonito e XXII da Feira Produart, que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela. No acto tamén participaron a alcaldesa do municipio e Deputada de Economía, Facenda e Recadación de Contas, Carmela López; e a presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera; entre outras autoridades.
O acto de presentación da cita incluíu cunha showcookingorganizada coa colaboración da Deputación, co obxectivo de impulsar a gastronomía local cara a celebración da feira que terá lugar os vindeiros 3 e 4 de agosto. A sesión contou coa participación de destacados chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que presentaron varios propostas culinarias en directo co bonito como protagonista.
Pilar García Porto sinalou que a Deputación colabora con esta cita, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, porque “somos conscientes de que a Feira do Bonito é un verdadeiro símbolo da nosa cultura mariñeira e un reflexo da alta calidade do bonito de Burela. Este produto é recoñecido pola súa captura sostible e forma parte dunha longa tradición que nos enche de orgullo”.
Durante a showcooking, os presentes puideron degustar pratos innovadores da man de cociñeiros profesionais como Alejandro Méndez, quen presentou un Montadito de bonito de Burela con alioli de chile e packchoy; Bruno Pena, que deleitou cun Bonito aliñado con aguacate; e Pablo Vila, cunha aposta deTataki de bonito con améndoa e tomate.
“O bonito de Burela é recoñecido non só pola súa excelente calidade, senón tamén pola súa captura sostible, unha práctica que forma parte dunha longa tradición que nos enche de orgullo. A costeira deste peixe é un evento que implica a toda a comunidade, desde os mariñeiros que saen ao mar, as súas familias, até os hostaleiros que se nutren deste excelente produto e toda a comarca que se enorgullece deste tesouro”, subliñou a Deputada.
Así mesmo, Pilar García Porto eloxiou o traballo da Asociación Ledicia e ao Concello de Burela por organizar unha feira que ademais de poñer en valor un produto estrela relacionado co mar como é o bonito, supón un grande escaparate turístico de primeiro nivel. “A Feira do Bonito é unha oportunidade única para destacar a nosa oferta turística. Lugo aposta por un turismo de calidade, sostible e non masificado. Os visitantes poden gozar dunha experiencia auténtica, inmersos na beleza natural das nosas paisaxes e no ritmo tranquilo que ofrecemos”.
Rematou a Deputada animando á cidadanía e aos visitantes a participar na feira, a achegarse a Burela “para descubrir os sabores do noso mar, coñecer de preto a nosa tradición mariñeira e desfrutar dun entorno privilexiado”.
Programa
O programa da XXXVIII Feira do Bonito arrancará o sábado, día 3 de agosto, ás 13:00 horas, coa recepción de autoridades e o izado de bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. A continuación terá lugar a entrega de premios do concurso de carteis e o recoñecemento de Asador Maior e Colaboradora de Honra da Feira, a Lois Pereira e Sofía González Anido. Acto seguido, procederase á lectura do pregón, a cargo do policía burelés Julio López Quiroga, e despois farase a degustación, que se prolongará ao longo da tarde a base de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada. A xornada rematará ás 20:30 horas cos concertos de Walls, maryland, S.S.R Ledicia, A Gramola Gominola e sesión DJ.
O domingo, 4 de agosto, ao longo da mañá haberá actividades infantís e, ás 13:30horas, abriranse as portas da carpa para a degustación, que neste caso, estará protagonizada por unha tapa de ensalada de fabas de Lourenzá con bonito e ración de marmitako.
Paralelamente á celebración da XXXVIII Feira do Bonito que, como é habitual, se levará a cabo no porto burelés, celebrarase tamén a vixésimo segunda edición da feira Produart, impulsada pola Fundación Expomar. A Deputación terá presenza cun stand na feira onde promocionará os atractivos turísticos da provincia.