
O Concello ven de presentar o libro Burela recicla o Nadal. Trátase dun manual de bos usos para concienciar á poboación da necesidade de reciclar nestas datas de Nadal nas que hai tanto consumo de alimentos, agasallos, embalaxes, etc. Son 1.000 exemplares os que se repartirán polos centros de ensino, na Biblioteca Municipal e tamén no Concello. No acto desenvolvido esta tarde participaron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, e o autor dos textos, que é Xosé A. Perozo. O libro conta con ilustracións de Fran Muñiz.
O rexedor comentou que “a finalidade do Concello de Burela é dalgunha maneira concienciar, axudar e compartir a problemática que está habendo con respecto ao que é a grande cantidade de residuos que se xeran no día a día. Xa participamos nalgún encontro cos Concellos que están a favor loitar tamén contra o cambio climático. Nós imos traballar neste senso, coordinándonos cos outros Concellos e levando adiante tamén iniciativas propias como a presentación do libro que fixemos esta tarde. Titúlase Burela recicla o Nadal”. Llano dixo: “consideramos que nestas festas de Nadal hai moito consumo de xantares, de xoguetes, de embalaxes… e xéranse unha grande cantidade de residuos como consecuencia de celebrar estas datas”.
O alcalde burelés comentou que “aproveitando esta circunstancia foi polo que se editou este libro de 60 páxinas, moi atractivas para calquera lector. Está enfocado á familia. O texto é de Xosé A. Perozo e as ilustracións son de Fran Muñiz. No seu conxunto fan unha labor extraordinaria e complementaria”.
Alfredo Llano explicou que “son 1.000 exemplares que imos repartir nos centros de ensino, tanto nos de primaria como nos de secundaria. Darémoslle un número determinado de exemplares ao responsable de cada colexio, tamén estará na Biblioteca Municipal e darémoslle a algunha asociación á que lle poida interesar este tema e estará tamén no Concello para poder agasallar a algunhas das visitas que pasan por aquí”.
O rexedor engadiu que “é unha iniciativa do Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente. Noelia Mª Ben participou no acto desta tarde. Consideramos que hai que darlle importancia a todo o que se está a facer neste senso desde o Concello e concrétase con este libro que acabamos de presentar e que leva consigo implicarse nunha responsabilidade e compartir aquilo que sexa mellor para que todos conformemos un pobo limpo, ordenadamente recollido e que se vexa claramente que os rapaces e as súas familias saben o que teñen que facer con calquera residuo que se teña na casa”.