O Concello de Foz presenta a súa programación cultural para os meses de primavera, que inclúe actividades musicais e teatrais.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia: “despois dun abril cargado de libros e letras, maio comeza con música cos combos da Escola de Música Arcadio Mon, que serán todos os venres deste mes ás 18.00 horas ao lado da escola, no paseo da Ribeira (en caso de mal tempo serán no CENIMA). Polo medio temos actividades coma a deste próximo venres, na biblioteca municipal, “lettering: debuxar letras”, para a que é necesario anotarse no teléfono 982.140.675, “unha actividade moi bonita para todos aqueles nen@s aos que lles guste facer caligrafías bonitas”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, quen engade: “a continuación será a poetisa local Natalia Alonso a que nos dea Advertencias para un traxecto boreal, nunha actividade que realizamos en colaboración coa UNED”.
“As letras galegas celebrámolas cos coles de Foz e o martes 14 temos sesións de teatro escolar na Casa da Cultura coa representación A nena do violino e a poesía. E tamén como inicio ao III Certame de Teatro Afeccionado os días 25 e 26 de maio teremos unha masterclass de iniciación ao teatro co xenial Avelino González”, engade a concelleira de Cultura.
Inés López explica ademais que “a ESMU tamén chega aos coles e os días 27, 28 e 29 haberá sesións didácticas para os centros de Foz e unha colaboración co Concello de Barreiros. E xuño será un mes de teatro, xa que, os días 6, 7, 8, 14, 15 e 16 na Casa da Cultura celebraremos o Certame de Teatro Afeccionado Jose Luis López Lorenzo O Poto, coa entrega de premios o venres 28 de xuño.”
A edil de Cultura comenta que “todas estas actividades e outras moitas nas que o Concello colabora con asociacións da vila conforman unha primavera chea de música, letras, teatro e sobre todo Cultura, moita Cultura”.
E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca “o traballo cultural conxunto do Concello e moitas asociacións, que crean eventos, unhas actividades que fan pobo e das que disfrutan veciñ@s e visitantes”.