
A Gladiator Kids volve a Ribadeo con carácter solidario. A proba de obstáculos infantil terá lugar este domingo, 25 de outubro. O importe das inscricións será doado integramente á Cruz Vermella ribadense.
A Gladiator Kids regresa a Ribadeo, unha proba de obstáculos para os máis pequenos da casa cun fin solidario. A carreira está dirixida a nenos e nenas entre 3 e 12 anos.
Dita xornada, patrocinada por Mediolanum Aproxima (o proxecto solidario de Banco Mediolanum), pola Fundación Mediolanum en España e polo Concello de Ribadeo, será na Praza de España a partir das 12:00 horas. O custo das inscricións é de 6,20 euros e pode abonarse a través da web oficial da carreira: www.gladiatorraceoficial.com.
As nenas e nenos, sempre acompañados dun adulto, poderán gozar dun día en familia facendo deporte, no que se enfrontarán a distintos obstáculos. Ao finalizar a proba, todos os participantes recibirán unha medalla finisher.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima “a todas as nenas e nenos de 3 a 12 anos de Ribadeo e de toda a contorna a participar na Gladiator Kids este domingo, 25 de outubro. Será unha xornada diferente para compartir en familia e entre amigos e coa solidariedade como bandeira, xa que todo o recadado será para a Cruz Vermella de Ribadeo. Cantos máis sexamos participando máis fondos poderemos destinar para o importante traballo que realiza esta entidade”.
Na presentación participaron o alcalde, Dani Vega; o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; Rubén Castro, que é supervisor en Banco Mediolanum; Óscar Espiñeira, xerente de Nokao; e Antía Fernández, responsable da Cruz Vermella en Ribadeo.


