
O próximo mércores, 10 de decembro, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos, Ribadeo contará cun espazo especial dedicado á diversidade, á empatía e á inclusión. A Asociación Guillem Veiga Iglesias instalará na sala de exposicións do Campo o stand Un Mar de Diversidade II, unha proposta aberta para que a cidadanía poida reflexionar e experimentar sobre como se constrúe unha sociedade máis xusta e accesible para todas as persoas.
A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, explica que “ao longo da mañá, quen se achegue poderá participar en experiencias interactivas que permiten comprender as barreiras que moitas persoas atopan no seu día a día e, ao mesmo tempo, descubrir a importancia de recoñecer e respectar as diferentes maneiras de ser, comunicarse e participar”.
Este stand forma parte do proxecto educativo Un Mar de Diversidade, que leva dous anos traballando nos centros da Mariña Lucense para promover valores como o respecto, a igualdade e a empatía desde as primeiras etapas. A iniciativa conta co apoio do programa FEMPA, a través do GALP A Mariña-Ortegal, e da Consellería do Mar.
A edil ribadense comentou que “este encontro en Ribadeo quere ser unha chamada á responsabilidade colectiva: lembrar que os Dereitos Humanos comezan no cotián, nas actitudes, nos espazos que compartimos e nas oportunidades que garantimos ou negamos. Desde o Concello de Ribadeo queremos animar á veciñanza a participar e a formar parte desta travesía que aposta por unha convivencia baseada no respecto e na dignidade de todas as persoas”.
O espazo dedicado á diversidade estará aberto en horario de 10:30 a 13:30 horas o vindeiro mércores, 10 de decembro, na sala de exposicións do Campo.


