Saberes do Monte organiza no norte da provincia unha fin de semana para saborear e conservar o territorio os días 7 e 8 de xuño

O norte da provincia de Lugo converterase esta fin de semana nun escenario gastronómico e de transmisión de coñecemento. O sábado 7 e o domingo 8 de xuño poñerase en marcha a primeira experiencia piloto de Saberes do Monte, unha marca creada ao abeiro do proxecto RURALtXA!, centrada na conservación da biodiversidade a través da bioeconomía.

O sábado 7 e o domingo 8 cinco restaurantes dos concellos de Abadín (Casa Goás), Barreiros (Hotel Rías Altas), O Valadouro (restaurante Asturias), Foz (Hotel Oca) e Mondoñedo (A Taberna da Galiana), servirán tapas e pratos especiais elaborados con carne de tenreira, poldro e mel producidos na Serra do Xistral.

O evento dará inicio o sábado 7 pola mañá (11:30 horas) no restaurante Asturias, en Ferreira do Valadouro, coa presentación oficial da marca Saberes do Monte (11:45-12:00 horas) e un showcooking (12:00-13:30 horas) da man dos chefs da Asociación Cociñeiros de Lugo Juan Rubiños e Bruno Pena.

A experiencia completarase o domingo 8 coa ruta guiada Roteiro do Saber (10:00-14:00 horas). “Vai ser unha experiencia de ecoturismo para experimentar, de primeira man, a paisaxe do Xistral e ver como os produtores locais contribúen á conservación de ecosistemas únicos tales como as turbeiras e os queirogais grazas aos seus métodos tradicionais de manexo e produción”, explica a organización.

A actividade, gratuíta, contará con servizo de transporte, con recollida en Abadín (Praza do Concello, ás 9:00 horas) e O Valadouro (Praza de Santa María, ás 9:45 horas). Os guías serán Boris Vilar, de Rutas Galicia Norte; Ana Pena, de Guía tu día; e a Comunidade de Montes de Miñotos. A inscrición debe facerse a través deste formulario online:https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSd6AMtE2dg7XbGy5nNBQ6sV6_7Gq7wd9D_Me-FPtrNhYkLkxQ/viewform

RURALtXA! é unha iniciativa promovida polas universidades da Coruña, de Santiago de Compostela e a Fundación HAZI co apoio de diversos actores locais e da administración, para conservar hábitats de alto valor ecolóxico nas comunidades de País Vasco e Galicia. En paralelo, tamén se están explorando novos modelos de bioeconomía para colaborar no aproveitamento sostible destes territorios. En concreto, en Galicia, as zonas de actuación son as serras do Xistral, Monte Maior, A Faladoira e A Groba.

Saberes do Monte é a marca colectiva que nace no marco deste proxecto RURALtXA! para poñer en valor os produtos procedentes destas catro áreas de montaña galegas que axudan á conservación dos hábitats e ao desenvolvemento das comunidades rurais.

RURALTXA! (ruraltxa.com) conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.