
Os colexios vellos de San Miguel de Reinante (Barreiros) acollerán do 17 ao 31 de outubro unha exposición que recolle a actividade política e literaria de Castelao desde o ano 1934, cando firma os seus primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944, ano da publicación da primeira edición de Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, goberno galego no exilio do que precisamente Castelao foi o primeiro presidente, anuncia o Concello de Barreiros.
A iniciativa forma parte do programa conmemorativo 75 cabodano de Castelao (1950-2025), do Museo Provincial de Lugo, e conta coa colaboración da Vicepresidenta da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.
A mostra poderá visitarse os luns, martes e mércores de 10:30 a 11:30 horas e os xoves de 12:00 a 13:00 horas.
Ademais o sábado 25 de outubro ás 19:00 horas haberá un pase teatralizado especial a cargo do grupo Os Quinquilláns, que tamén representarán a obra de teatro Cousas.