Sargadelos, en Cervo, acolle a XVII Monográfica de Galicia de cans boxer os días 15 e 16 de xuño

Cervo acollerá os días 15 e 16 de xuño, sábado e domingo, a XVII Monográfica Rexional de Galicia de Boxer. A cita foi presentada  pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e polo delegado de Boxer Club España en Galicia, Iván García, acompañado por un dos seus cans de raza boxer, Faragulla de Ibiltaria (de case nove anos de idade que é campioa de España e de Portugal de beleza, entre outros recoñecementos), no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que será o escenario do evento que a día de hoxe xa conta con máis de trinta exemplares inscritos.

A exposición morfolóxica concentrarase na xornada do domingo, a partir das 10:00 horas, pero xa o sábado, como antesala do evento, está prevista unha sesión gratuíta de iniciación ao traballo deportivo e ás probas de selección española de cría, a partir das 18:00 horas, tamén en Sargadelos, impartida polo formador David Rodríguez Almerge.

A xuíza francesa Cathy Sinsout será a encargada de xulgar a todos os participantes nas diferentes categorías, con premios para o mellor boxer nacido en Galicia, o mellor veterano, a mellor promesa, o mellor xove ou o mellor de raza, entre outras moitas categorías.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a achegarse durante esa xornada a Sargadelos para desfrutar deste encontro que reunirá aos mellores exemplares desta raza.

A inscrición aínda está aberta e toda a información está dispoñible nas redes sociais da Delegación Galega Boxer Club España.