Seleccionadas as oito obras para o VII Certame de Teatro “Concello de Lourenzá”, que comeza este domingo, 2 de novembro

O Concello de Lourenzá deu a coñecer as oito obras seleccionadas para participar no VII Certame de Teatro Concello de Lourenzá, que comezará este domingo, día 2 de novembro.

As obras e compañías son as seguintes: Sen frores nin coroas, da Asociación 57 Palabras, de Viveiro; Sursum Corda, de O Catre Teatro, de As Pontes; Deus non quere calderilla, de The-sastre Teatro, de Barbadás (Ourense); Dona Clara, de Ollomao, de Barreiros; Campanas de Bastabales, de Imaxina-T Asociación Cultural Celeuma, de Narón; Os vellos deberían namorarse e non morrer, de Teatro Coles, de Coles (Ourense); A xuntanza, da Compañía de Teatro El Ruiseñor, de Culleredo; e O caso do cadáver asasinado, de Teatro do Asteleiro da ACRD Grupo Bazán, de Ferrol.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anuncia que “as representacións comezarán este domingo, 2 de novembro, ás 20:00 horas no Multiusos Ponte de Cuñas, coa obra Sen frores nin coroas, da Asociación 57 Palabras, de Viveiro. O resto das obras serán representadas durante os sábados e domingos de novembro. A gala de entrega de premios terá lugar o sábado 13 de decembro e nela representarase a obra Julieta en verano, das compañías Luz de Gas e El Callejón del Gato, de Gijón, coa participación da actriz laurentina Carmen de Picoaga, que tamén será a encargada de conducir dita gala”.