Teatro, música e cabaré son algunhas das propostas culturais do Concello de Ribadeo do 15 ao 17 de abril.

O colectivo cultural ribadense As Vacas Fracas representa Ay, Carmela. A actuación terá lugar o venres 15 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval. O prezo da entrada é de 3 euros. A historia, baseada no texto de Sanchís Sinisterra, conta como uns cómicos republicanos vense obrigados a traballar no bando franquista.

Tamén o 15 de abril, ás 13:00 horas, no quiosco da música ou no Teatro en caso de choiva, actuará Mabel Flores en concerto. A artista fusiona raíces mediterráneas e sudamericanas con pinceladas electrourbanas.

O sábado 16 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio Hernán Naval, presentarase o espectáculo Fala-me!. Trátase dunha fusión de cabaré con música, danza e cultura tradicional coa lingua e o apoderamento como fío condutor da man de Nelson Quinteiro e un magnífico elenco de bailadores, cabareteiros, actores, actrices e músicos.

A asociación cultural Francisco Lanza, coa colaboración do Concello de Ribadeo, organiza unha excursión, o sábado 23 de abril, á Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei, a Santalla de Bóveda e á Domus do Mitreo en Lugo. A saída será, ás 9:00 horas, da praza de Abastos de Ribadeo e a volta ás 19:30 h. As persoas interesadas poden inscribirse por whatsapp no teléfono 699 80 96 06.