
O Concello de Barreiros presenta a terceira edición do festival de cultura urbana Son Urbán, “un evento consolidado na axenda cultural do municipio que mestura as diferentes disciplinas da cultura urbana”. Celebrarase o venres 9 de outubro na Praza do Concello, converténdose nun punto de encontro da creación artística e a música en directo.
A iniciativa está organizada polo Concello de Barreiros e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. “O cartel deste 2026 destaca pola presenza de recoñecidos nomes de artistas musicais e por unha potente combinación cultural aberta á mocidade e a poboación en xeral. O evento estará xestionado por Trasnosound na parte artística e contará ademais das propostas musicais con actividades de Vella Escola e a presentación do libro Somo HipHop”, explica o Concello de Barreiros, que engade: “nos vindeiros días levarase a cabo unha presentación oficial detallada do evento, na que se darán a coñecer os horarios definitivos e o resto de pormenores desta III edición do Son Urbán”.


