Todo está listo en Ribadeo para a celebración do Camiño Norte Fest este xoves, 2 abril

Todo está listo en Ribadeo para a celebración do Camiño Norte Fest este xoves, 2 abril. O aparcadoiro municipal, recinto no que se celebrará o evento, xa foi valado no día de hoxe. 

A orquestra Panorama presentará a súa nova xira Time Tour 2026 para a Mariña lucense e o Occidente asturiano no Camiño Norte Fest, que organiza a Comisión de Festas ribadense. 

O recinto estará cuberto con carpa, que contará con servizo de bar e food trucks. A apertura das billeteiras será ás 20:30 horas e a do recinto ás 22:30 horas. Polo escenario do Camiño Norte Fest pasarán tamén os djs Alejandro Martínez e Litainer. 
A actuación de Panorama dará comezo ás 00:30 horas. Enriba do escenario estarán durante tres horas nun único pase, segundo informan desde a Comisión de Festas de Ribadeo. 

A venda de entradas anticipadas rematará mañá, día 1, en todos os puntos oficiais situados en Barres, La Caridad, Foz, A Pontenova, Navia, Lourenzá, Viveiro, Vegado, Tapia, Burela e Mondoñedo: “pero manteremos esa venda anticipada coas entradas a 12 euros en Ribadeo e tamén online ata o mesmo xoves ás 12:00 do mediodía. A partires de aí as persoas interesadas en asistir ao Camiño Norte Fest deberán pasar polas billeteiras habilitadas no recinto a partir das 20:30 horas”, indican desde a Comisión de Festas e engaden que “a venda de entradas foi e vai a bo ritmo. Estamos satisfeitos da acollida que está a ter o Camiño Norte Fest”.

Desde a Comisión de Festas de Ribadeo  agradecen ao Concello de Ribadeo, á Xunta de Galicia, aos patrocinadores e colaboradores o seu apoio para facer posible o Camiño Norte Fest. O patrocinador oficial é Estrella Galicia. Colaboran: Xunta de Galicia, Concello de Ribadeo, Concertos do Xacobeo, Galipizza, Sanbet Agencia, Estudio Reverte e DeLira.