
O Concello de Trabada continúa a apostar pola capacitación dixital da veciñanza coa celebración dunha nova acción formativa enmarcada no programa E para dixitalizarse, Lugo, “tras o éxito das formacións desenvolvidas a finais do pasado ano no municipio”. Nesta ocasión a actividade levarase a cabo baixo o título Ciberseguridade: acoso, grooming e estafas, unha formación orientada a dotar á cidadanía de ferramentas básicas para identificar riscos en internet e facer un uso seguro e responsable das tecnoloxías dixitais. Terá lugar na Casa da Cultura de Trabada (Rúa do Concello, 40), os días 2, 3, 4, 9, 10, 11 e 16 de febreiro, en horario de 10:00 a 13:00 horas. O curso conta cun total de 12 prazas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 de xaneiro.
Este obradoiro forma parte do programa de formacións dixitais que inclúe contidos como o uso básico da informática, a sinatura dixital e certificados electrónicos, o manexo do teléfono móbil, a banca electrónica, o uso seguro de internet, a busca de emprego en liña ou o uso das aplicacións de Google, entre outros.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de dar continuidade a este tipo de iniciativas: “con este novo curso seguimos traballando para reducir a fenda dixital e ofrecer coñecementos prácticos que melloren a seguridade e a autonomía das persoas no uso das novas tecnoloxías.” O rexedor subliñou tamén que a ciberseguridade é unha cuestión clave na actualidade: “queremos que a xente de Trabada saiba identificar posibles riscos en internet e teña as ferramentas necesarias para protexerse fronte a estafas ou situacións de acoso dixital.”
As persoas interesadas deben anotarse de forma presencial no Concello de Trabada.


