
Un filme sobre o poeta ribadense El Viejo Pancho, dirixido por Xan Leira, será presentado en Ribadeo e noutros sete concellos da provincia de Lugo neste mes de setembro.
Xan Leira anuncia: “durante o presente mes de setembro imos presentar o filme documental O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata en Ribadeo e noutros 7 concellos das comarcas da Mariña Oriental, Central e Chantada, grazas á colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Nestas estreas e presentacións con coloquio vou estar acompañado por Pablo Rodríguez "Vivín" (investigador, escritor e libreiro de Ribadeo) quen tamén colaborou coa investigación e prestou testemuño no documental. As persoas que participaron deste filme son investigadores e coñecedores da biografía e obra xornalística e literaria de José Alonso y Trelles "O Vello Pancho": Pablo Rodríguez, Pilar Cagiao, Martín Fernández Vizoso, Manuel Suárez, José Mª Monterroso Devesa, Toni de Seares e Ana Lorenzo, estes últimos responsables do programa de radio Sempre en Galicia, de Montevideo, e integrantes do Patronato da Cultura Galega, entidade comprometida coa recuperación e mantemento do legado do escritor homenaxeado”.