
A Aula Universitaria da UNED de Foz presenta en novembro unha programación “que combina desenvolvemento persoal, cultura, natureza, creatividade e formación especializada”. Ademais a UNED amplía ata o 4 de novembro o prazo de matrícula en graos, dobres graos e cursos de acceso á universidade, “unha nova oportunidade para iniciar ou continuar os estudos universitarios. A prórroga chega nun curso marcado pola incorporación de novas titulacións e pola flexibilidade do modelo educativo da UNED, que permite compatibilizar os estudos coa vida laboral, familiar e persoal. Os graos non teñen nota de corte, sempre que se cumpran os requisitos legais de acceso, e cada estudante pode adaptar a matrícula ás súas circunstancias, desde unha única materia ata un curso completo”.
A programación de Extensión Universitaria comezará con “dúas propostas centradas no benestar e nas relacións interpersoais: Volver a ti: o Self como compás para vivir, relacionarte e acompañar a outros, da man da psicóloga Alba Burundarena e que terá lugar entre o 3 e o 12 de novembro; e Introdución á Musicoterapia, do 5 ao 26. Ambas as actividades ofrecen ferramentas para o coñecemento persoal e o acompañamento das persoas”.
A Aula Universitaria da UNED anuncia tamén que “a cultura terá un dos seus momentos destacados o mércores 11 coa presentación do libro Entenderme, de Olalla Méndez Arias, na Biblioteca Municipal de Foz. O encontro estará presentado por Alicia Lage, psicóloga, directora da Clínica Sinapsis e colaboradora habitual da aula, e ofrecerá unha oportunidade para achegarse á obra e reflexionar sobre o seu contido. Ao día seguinte, o roteiro interpretativo Outono na Ribeira do Ouro permitirá descubrir, xunto ao experto en biodiversidade, Pedro Rolle, a contorna natural a través dunha actividade presencial. A sustentabilidade e a creatividade completan a oferta con propostas de diferente orientación. Do 17 ao 23 de novembro celebrarase o curso especializado en Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e Sistemas de Xestión Ambiental (SGA) na Empresa Moderna, centrado na xestión responsable das organizacións. Pola súa banda, o Taller de Debuxo a través do recordo, que comezará o 19 de novembro e continuará ata o 17 de decembro, convidará a explorar a memoria como fonte de inspiración artística, da man da ilustradora Araceli Paz Temprano”.
A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, destaca que “promover actividades creativas e formativas para persoas con intereses diversos contribúe a enriquecer a vida cultural do municipio e a favorecer oportunidades de aprendizaxe ao longo de todas as etapas da vida”.
A programación pechará cun curso para opositores sobre nocións fundamentais da Constitución española de 1978 e da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que se desenvolverá do 30 de novembro ao 3 de decembro. Esta formación permitirá afondar nos contidos lexislativos básicos para afrontar procesos selectivos.
As actividades de Extensión Universitaria poderán seguirse presencialmente na Aula UNED de Foz ou en liña, agás o roteiro. AS inscricións poden realizarse a través da páxina web da UNED, presencialmente na Aula Universitaria de Foz, nos teléfonos 982.133.699 e 604.034.549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.


