Unha delegación da Mariña visita Urdaibai para coñecer o modelo de gobernanza e xestión turística sostible desta reserva da biosfera vasca

Este luns, 4 de maio, partiu desde Foz un grupo formado por representantes técnicos da Mancomunidade de Concellos da Mariña e de establecementos distinguidos no SICTED, xunto con persoal técnico dos Concellos, para visitar durante os vindeiros tres días a Reserva Natural da Biosfera de Urdaibai, no País Vasco. Esta viaxe de prospección -no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña e máis concretamente no programa do SICTED, cofinanciado pola Mancomunidade, Xunta de Galicia e Secretaría de Estado de Turismo (SETUR)- ten como obxectivos “coñecer o modelo de gobernanza e xestión deste enclave natural vasco, así como achegarse ás experiencias e boas prácticas de xestión turística que as diferentes entidades desenvolven na zona”.

A través desta iniciativa, impulsada pola Mancomunidade, "trátase de observar no territorio como se xestiona un destino turístico que garda importantes similitudes coa Mariña. Así, o equipo técnico coñecerá de primeira man o seu tecido turístico; a oferta de produtos e servizos; o enfoque de sostibilidade na xestión turística; e a repercusión deste modelo no propio territorio. Un coñecemento que se poderá trasladar de maneira positiva ao turismo da Mariña".

Urdaibai, territorio declarado Reserva de la Biosfera pola UNESCO en 1984, abarca un territorio de 22.000 hectáreas integrado por diferentes paisaxes (montañas, praias, ríos, cantís e augas soterradas) que conforman un destino espectacular da costa do País Vasco. Está considerado como un dos espazos naturais máis valiosos do Norte de España e a día de hoxe é un referente en conservación natural e turismo sostible. Natureza, biodiversidade, cultura, gastronomía e ocio conforman unha oferta turística vinculada á comunidade local e fundamentada na calidade e na sostibilidade. Forman parte desta reserva lugares moi coñecidos, como son Gernika-Lumo, Bermeo ou Mundaka. A súa organización e desenvolvemento converteron a Urdaibai nun interesante modelo de xestión de destinos turísticos, xa que representa o equilibrio entre a protección á contorna e á poboación e o turismo como actividade económica.

É “unha intensa viaxe de tres días na que a delegación mariñá se reunirá con representantes de institucións locais de Urdaibai, así como con emprendedores que xestionan empresas de produtos e servizos na zona. Nestes días coñecerán de primeira man diferentes experiencias orientadas á xestión turística sostible deste territorio vasco, así como as solucións implementadas naqueles espazos naturais especialmente sensibles”.