Valboa, en Trabada, celebra a festa de San Fernando o 30 de maio

O Concello de Trabada organiza unha nova edición da tradicional celebración de San Fernando, que terá lugar o venres 30 de maio na capela de San Fernando (Valboa). A xornada incluirá misa, encontro campestre e actividades para todos os públicos, “mantendo viva unha das citas máis emblemáticas da zona”.

“O evento dará comezo ás 12:00 horas coa misa na capela, seguida dunha comida campestre no recinto cuberto cunha carpa. O menú incluirá empanada, croquetas, xamón cocido, paella, sobremesa con tarta de Santiago, bebida e café. O prezo será de 22 euros para adultos e 12 euros para nenos/as. Tamén se habilitará estacionamento para cabalos, mantendo así o costume de acudir a cabalo, como se facía antigamente. As entradas estarán dispoñibles ata o luns 26 de maio nos seguintes establecementos colaboradores: Mesón Camiño Norte, Taberna da Curuxeira e Bar O Porfirio”, anuncia o Concello de Trabada.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou: “queremos continuar con estas tradicións que forman parte da nosa identidade. En tempos pasados, a feira de San Fernando era unha cita sinalada no calendario, á que acudían veciños e veciñas de todas as parroquias para compartir un día de celebración.”

Está organizada polo Concello de Trabada co apoio da Deputación de Lugo.