A Vicepresidencia da Deputación lanza a primeira Semana do Patrimonio Invisible, que inclúe actividades en Mondoñedo e Lourenzá

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha a I Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo, unha iniciativa que “abre as portas de espazos históricos e culturais habitualmente inaccesibles ou pouco coñecidos”. Inclúe actividades en Mondoñedo e Lourenzá.

A deputada de Cultura, Iria Castro, acompañada pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; e o responsable da coordinación das actividades César Abella, presentou a iniciativa que “ofrece á cidadanía unha oportunidade única de descubrimento de lugares fóra dos circuítos turísticos convencionais, a través de visitas guiadas en grupos reducidos”.

Iria Castro explicou que “con este ciclo de visitas visibilizamos diferentes espazos fomentando o coñecemento e a valorización da diversidade patrimonial da provincia e sensibilizando sobre a importancia da protección e conservación do patrimonio”.

Respecto do desenvolvemento do programa, a responsable provincial sinalou que “desde este xoves estará dispoñible o sistema de reserva en liña para participar nas visitas, que se desenvolverán en grupos reducidos para garantir unha interacción próxima e a protección dos bens culturais que visitamos”.

Esta primeira edición da Semana do Patrimonio Invisible desenvolverase ao longo de catro días: 7, 8, 14 e 15 de xuño. O programa inclúe nove espazos localizacións estratéxicas, que abranguen diversas tipoloxías de patrimonio (etnográfico, industrial, relixioso...) en distintas comarcas: Encoro de Belesar (Chantada), onde se fará “por primeira vez unha visita aberta á cidadanía, a público non especializado a unha das maiores centrais hidroeléctricas de Galicia”; Ferrería de Penacova (Bóveda), “un dos poucos lugares onde aínda podemos ver mazos funcionado coa forza da auga, coas explicacións dun ferreiro de tradición familiar”; Igrexa do Hospital (O Incio), “a igrexa de mármore que fascina desde fóra e que garda tesouros artísticos no seu interior”; Antigo mosteiro de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos),  “unha visita que inclúe a igrexa e tamén ao Parador de Turismo; Pazo de Ferreiroá (Pantón), “un pazo particular que traslada aos visitantes aos tempos de esplendor da fidalguía galega cos seus espazos e obxectos con séculos de historia”; Seminario Conciliar de Santa Catalina (Mondoñedo), “o maior edificio de Mondoñedo abre as portas para coñecer a súa historia e descubrir a súa sorprendente biblioteca”; Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (Lourenzá), “combinaremos a visita á igrexa con outros lugares menos coñecidos como o claustro ou a cociña do vello mosteiro”; Mananciais de Mondoñedo, “unha oportunidade única para entrar en galerías subterráneas e acueductos que conducen a auga ao centro histórico da vila”; e Cova grande de Santalla de Lóuzara (Samos), “unha fermosa cova natural con formacións cársticas moi descoñecida para o público xeral”. 

As visitas, gratuítas e deseñadas para grupos reducidos dun máximo de 15 persoas, “garanten un tratamento próximo e de calidade e unha inmersión profunda en cada localización”. 

A participación será a través de reserva online na plataforma da web patrimonioinvisible.gal, seguindo unha rigorosa orde de inscrición, para as máis de 400 prazas dispoñibles. O prazo para inscribirse abrirase o xoves 5 de xuño ás 12 horas.

A I Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo desenvolvese no marco do programa SoTERRADAS da Rede Museística Provincial de Lugo, “enfocado no rescate e na valorización de patrimonios invisibilizados, promovendo unha nova narrativa e metodoloxía na difusión do legado cultural da provincia”.