
O programa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Da Escola á Granxa financiará na súa cuarta quinta edición 210 actividades formativas en granxas e producións agroalimentarias da provincia, nas que participarán máis de 6.000 nenas e nenos de 74 centros educativos.
O deputado provincial Daniel García achegou estes datos sobre a quinta convocatoria do programa nun encontro que mantivo con representantes das 45 granxas e proxectos de emprendemento no rural que participan nesta edición do programa, “pioneiro no momento da súa posta en marcha e referente para institucións públicas e privadas”.
O acto, que contou tamén coa presenza de asociacións gandeiras que veñen colaborando activamente co programa -Asoporcel, Boaga, Ovica, Puraga, Avimós, a Asociación Galega de Apicultura ou Casa do Mel de Goente-, de Silvia Rodríguez, representante da Fapacel e co debuxante Pepe Carreiro, serviu para coordinar as actividades a desenvolver durante os vindeiros meses, que “teñen como obxectivo común transmitir ás xeracións máis novas a importancia do rural para a produción de alimentos e á conservación do territorio”.
As actividades -nas propias granxas ou obradoiros nos centros- comezarán a desenvolverse a finais deste mes, de acordo co calendario acordado entre granxas e centros educativos. A área de Rural financia os desprazamentos e as actividades con axudas directas ás anpas, que reciben entre 300 e 1.100 euros por cada actividade.
Daniel García agradeceu a colaboración e implicación de todas as granxas que participan no programa, que definiu como “unha aposta polo futuro, polas xeracións de nenos e nenas que teñen a oportunidade de achegarse ao rural real a través dunha rede de granxas que sodes referentes de emprendemento, traballo e compromiso con este país”.
O responsable de Rural na Deputación de Lugo destacou: “estamos recuperando o orgullo de ser agricultor e gandeira, rachando con auto-estigmas arrastrados por xeracións enteiras en torno aos prexuizos sobre a vida no rural. Consolidamos un programa formativo que era moi necesario dende fai moito tempo en Galicia”, dixo tras repasar a traxectoria da iniciativa, que se puxo en marcha en 2022.
A Vicepresidencia da Deputación explica que “o programa aumentou de forma progresiva a súa cobertura: das 25 granxas e 70 actividades desenvoltas en 2022 e ata as 45 granxas e 212 actividades previstas neste 2026. Ao longo das cinco edicións contabilízanse 750 actividades nas que participaron máis de 26.000 nenas e nenas de infantil e primaria. Ao tempo, deuse tamén un fortalecemento cualitativo da iniciativa: Da Escola á Granxa creou arredor de si unha rede de granxas e proxectos de emprendemento rural distribuídos por todo o territorio da provincia que exemplifican a potencialidade dun sector agrogandeiro que aposta pola produción de calidade, maiormente ecolóxica, con diversificación produtiva, proxectos familiares sostibles e comprometidos co territorio e co futuro do país fronte a outros modelos”.
Tamén anuncia que “o programa estrea nesta edición materiais lúdicos, que se distribuíron entre as granxas participantes e que recibirán tamén as 94 asociacións de nais e pais que participan no programa. Trátase dunha nova edición do libro Os Bolechas viaxan da Escola á Granxa, unha publicación que se renova cada ano para incluír como personaxes do conto aos granxeiros e granxeiras que se incorporan de novo ao programa Da Escola á Granxa. O debuxante Pepe Carreiro, encargado de bolechizar ás gandeiras e gandeiros, recibiu un recoñecemento durante o acto. A outra novidade do programa en canto a recursos lúdicos é O Xogo da Pita Choca, un xogo de mesa que conta cun taboleiro en espiral, de 63 casiñas numeradas, ilustradas con animais e alimentos que se producen nas granxas que participan no programa Da Escola á Granxa”.
As granxas e producións agroalimentarias que se incorporan ao programa este ano son a queixaría Bisqato, de Guitiriz; a granxa ecolóxica Finca Agroecolóxica O Balado, de Ribadeo, que cultiva produtos de horta e froiteiras e cría coellos e ocas e patos; a Gandería Feral de Outeiro de Rei, que cría porco celta; as producións apícolas Mel Casa da Torre, de Cervantes; Mel das Fadas, de O Incio; O Espírito da Colmea, de Antas de Ulla; e O Muíño de Coea, de Castro de Rei, dedicado á elaboración de fariña e á cría de Galiña de Mos e Piñeira.


