
Este domingo, día 14 de decembro, ás 20:30 horas o atrio da Igrexa de Vilaronte converterase no punto de encontro para dar a benvida ao Nadal nesta parroquia do municipio de Foz.
Este evento está organizado pola Asociación Cultural O Atrio, que anuncia: “celebrarase o acendido oficial das luces, un momento especial que cada ano reúne á veciñanza nun ambiente cheo de emoción e tradición. A xornada contará cunha actuación musical en directo a cargo de A Subela e para entrar en calor nada mellor ca chocolate con churros quentiños e caldo de pita, preparados para que todos poidan gozar dunha tarde acolledora e festiva”.
A asociación O Atrio tamén dá a coñecer que “xa está en marcha o concurso de decoración exterior Vilaronte énchese de luz!. Este Nadal queremos que Vilaronte brille coma nunca: a asociación O Atrio de Vilaronte propón unha nova actividade para acompañar o noso tradicional acendido das luces de Nadal, un concurso de decoración de casas, fachadas e xardíns. Cada veciño/a ou familia pode decorar o exterior da súa casa, balcón ou xardín con luces e motivos de Nadal. Para participar anótate a través de calquera membro da comisión ou por calquera das redes sociais da asociación, indicando o teu nome e a casa. Terás ata o día 24 de decembro para ter a túa decoración lista. Faremos un pequeno mapa coas casas participantes para que todos poidamos pasear e gozar das marabillas de decoracións. O xurado da comisión visitará as casas decoradas nos días seguintes ao acendido. Haberá dous premios para as decoracións máis fermosas e orixinais. O nome da casa gañadora anunciarase o día 28 de decembro”.


