Vinte anos de Pasada das Cabras (Burela), por Alfredo Llano

Dicía un mestre meu que para saber hai que ver ou ler. Esta afirmación adáptase perfectamente á actividade deportiva do sendeirismo, que obriga a combinar lectura e visión. Lectura para ter información sólida das distintas rutas que conforman un programa anual e visión para sentir a proximidade da natureza con todo o que esta ofrece.

“Pasada das Cabras” nace no ano 2004 coa vocación de motivar a poboación de Burela na práctica deportiva, adaptada para todas as idades, que favoreza a socialización, a valoración e compromiso co medio ambiente, a etnografía, o coñecemento de lugares singulares e a sensación óptima de compartir experiencias. Iso si, notando os beneficios dun deporte que estimula o físico e tamén o mental.

Nestes vinte anos de andaina acumulamos miles de quilómetros que repartimos pola xeografía próxima e remota. Hai que destacar as múltiples saídas a todas as provincias galegas nas que se combinan rutas de mar e montaña, ou as dúas cousas. A Asturias, que ten imán para os sendeiristas esixentes e onde Sotres, Cares, Xanas, Bulnes e outras rutas nos Picos de Europa presumen de ser de primeira división. Pasamos por Valladolid, Salamanca, León, Lanzarote, Málaga, Pireneos de Huesca, e Portugal. Destacaron tamén, como moi importantes e significativas, as rutas que tiveron como soporte o Camiño Xacobeo. O Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Primitivo tamén tiveron moita aceptación e participación elevada.

Cunha cadencia mínima dunha ruta ao mes concretamos, ano a ano, un programa diverso de rutas axeitadas para todos os socios e non socios, combinando ben os mellores ingredientes: paisaxe, dificultade, situación xeográfica e contidos etnográficos, naturais, e culturais.  Compartimos andainas con outras asociacións semellantes cando invitamos, ou nos invitan, a participar. Deste xeito damos a coñecer a nosa localidade, Burela, e a súa Ruta Circular que suxeriu e impulsou “Pasada das Cabras”. O sendeirismo facilita as relacións sociais e, para favorecer esta virtude, acostumamos a xantar todos xuntos ao rematar a ruta, procurando acomodarse á gastronomía da zona.

Unha cualidade importante do sendeirismo é favorecer a integración coa Natureza. Ao camiñar nótase e séntese a súa presenza de múltiples maneiras. O ruxir das augas nunha fervenza, o son de vento cando abanea as pólas das árbores, a espesura dun bosque con especies autóctonas, o canto dos paxaros, a fauna, a choiva e o sol. Pero tamén se descobre a contaminación das augas dos ríos, a perda de neve no cumio das montañas, o abandono do rural, o lixo espallado de todo canto se  fabrica, o monocultivo forestal..., circunstancias que nos deben lembrar o compromiso de favorecer o ecosistema, a mestura equilibrada de sociedade e medio ambiente e, tamén, a toma de conciencia do cambio climático. O sendeirismo ensina.

O próximo catorce de decembro, para celebrar o vinte aniversario, imos repetir a mesma ruta coa que comezamos esta aventura. Principiando no Acebo, camiñaremos ata a Fonsagrada, uns once quilómetros, polo Camiño Primitivo. Se o día está claro, a estampa paisaxística está asegurada. Montes de Asturias, León e Galicia amosando altura e referencia cardinal. Invítovos a participar.

“Pasada das Cabras” xa é parte da nosa memoria colectiva e desexo que siga, non moitos anos máis senón para sempre.
 Vémonos camiñando.
 Alfredo Llano García