
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense mantivo este martes a primeira reunión con representantes das 20 empresas de produtos e servizos turísticos novos que aspiran a acadar a distinción Compromiso de Turismo Responsable dentro do programa de Sostibilidade, Intelixencia e Calidade Turística no Ecosistema do Destino (SICTED). A adhesión ao SICTED na Mariña é totalmente gratuíta e contempla no seu proceso a realización de catro seminarios formativos e diversas visitas individualizadas para os establecementos participantes.
Esta reunión é a primeira das formacións presenciais previstas nesta convocatoria. Neste mes de xuño están tendo lugar ademais visitas individuais aos servizos adheridos, para sentar as bases de coñecemento e de traballo para cada entidade de nova inscrición máis os que xa estaban no programa. O proceso retomarase durante os meses de setembro, outubro e novembro.
A Mancomunidade da Mariña explica que “esta convocatoria, que supón un paso máis no compromiso de creación dun sector turístico diverso e de calidade, tivo unha importante repercusión e resultou co interese de 20 novas entidades que ofrecen aloxamentos, experiencias, restauración, artesanía, turismo activo, servizos de taxi e información turística”.
Na actualidade a Mancomunidade conta con 39 servizos turísticos adheridos dos sectores do aloxamento, restauración, guías, oficinas de turismo, museos, artesáns e turismo activo. Co proceso de adhesión que iniciarán estas 20 entidades poderíase incrementar ata 59 o número de empresas de produtos e servizos con calidade distinguida.
O SICTED na Mariña desenvólvese ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, e “ten como obxecto principal sumar esforzos dos diferentes axentes e empresas que participan no sector turístico da Mariña, para traballar conxuntamente pola calidade, un turismo responsable e a mellora do destino. Este sistema permite introducir ferramentas de xestión de utilidade para os negocios, contribuíndo á mellora da calidade dos seus servizos; mellorar a coordinación e o traballo en equipo para xuntar esforzos a nivel global de destino; sensibilizar sobre a importancia da mellora continua; analizar a percepción de calidade de usuarios e visitantes; aportar valor ás empresas; e introducir a variable ambiental e social na súa xestión”.
Este ano ademais, o SICTED, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), “trae interesantes novidades. Logo de 25 anos de traxectoria, renóvase para adaptarse á evolución do sector turístico e aos novos retos do modelo turístico español. O programa pasa a definirse como Sostibilidade, Intelixencia e Calidade Turística no Ecosistema do Destino, avanzando cara a un modelo de turismo máis responsable que integra a calidade coa sostibilidade e co uso de ferramentas tecnolóxicas avanzadas. Nesta nova etapa o SICTED mantén a calidade como eixo fundamental da competitividade turística, incorporando ademais a sostibilidade nas súas dimensións económica, social e ambiental. O obxectivo é reforzar o papel dos destinos e das pequenas empresas turísticas dentro do ecosistema turístico español, ofrecendo ferramentas máis útiles, flexibles e adaptadas ás necesidades reais do sector”.


