
O Concello de Viveiro incorpora este ano como novidade á programación das festas de Nadal unha proposta de obradoiros e actividades infantís para as vacacións escolares. A iniciativa “busca ofrecer alternativas de lecer aos nenos e nenas e facilitar que as familias poidan organizar as compras e outras tarefas propias destas datas”. As actividades desenvolveranse os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro de 2026 e 2 e 3 de xaneiro de 2027, en horario de 17:00 a 20:00 horas, na Sala Multiusos do Concello de Viveiro.
A programación incluirá manualidades, xogos tradicionais, talleres de chapas, globoflexia e baile interactivo, con propostas diferentes para as tardes das vacacións.
A participación será gratuíta e non é necesario realizar inscrición previa. O acceso realizarase por orde de chegada e o aforo “será controlado polos monitores responsables das actividades, co fin de garantir o adecuado desenvolvemento dos obradoiros e a seguridade das persoas participantes. A entrada estará suxeita á dispoñibilidade de prazas en cada momento”, explica o Concello de Viveiro, que engade: “a elección da Sala Multiusos responde á súa situación céntrica e a que conta con calefacción, o que permite desenvolver as actividades nun espazo interior acondicionado para esta época do ano”.


