Viveiro presenta a programación do 25N, que inclúe música, exposicións e actos de sensibilización

O Concello de Viveiro presentou este mércores a programación do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Nela anunciouse que o concerto Melodías contra o silencio, organizado polo Concello de Viveiro e ofrecido polos grupos de adultos do Conservatorio, terá lugar este sábado, día 22 de novembro, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz. As actividades continuarán o martes 25 de novembro. Ás 11.00 horas gardarase un minuto de silencio e procederase á lectura do manifesto institucional. De seguido inaugurarase a exposición fotográfica e desenvolveranse obradoiros na Biblioteca Municipal de Viveiro, con sesións de 12.30 a 13.30 e de 18.00 a 19.00 horas, abertos ao público.

No acto de presentación das actividades participaron Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro; Saray Ventura, concelleira de Cultura; Antonio José Álvarez, director do Conservatorio Profesional de Música; e membros dos grupos de Adultos do Conservatorio

Mariña Gueimunde subliñou a importancia desta data e agradeceu o compromiso das entidades e colectivos implicados: “Viveiro convértese estes días nun espazo de reivindicación, memoria e acción colectiva fronte á violencia machista. Queremos que toda a cidadanía se sinta parte desta loita, que é social e transversa. Engadiu tamén que “o Concello aposta por unha programación que combine arte, música e reflexión, porque a cultura é unha ferramenta poderosa para educar e transformar”.

Sobre o concerto deste sábado, Saray Ventura destacou “o traballo e ilusión dos grupos participantes nunha iniciativa que se converte nun símbolo de unidade fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres”.