
Muras celebra esta fin de semana a Feira do Mel de Montaña, un evento centrado na promoción da calidade das producións locais que chega este ano á décima edición. O deputado provincial de Rural, Daniel García, e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, acompañados polas concelleiras Paula Gómez e Azucena Camba e polos responsables da Casa do Mel de Goente, Isabel Goti e Manuel Ferreira, presentaron o evento, organizada polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A feira, que se celebrará na Praza do Viveiró, contará con máis dunha vintena de postos de venda de mel e doutros produtos de temporada e proximidade, entre eles sete postos de apicultores e apicultoras de Muras e da contorna, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Manuel Requeijo valorou a década de traxectoria do evento, que “naceu como unha proposta para dinamizar esta zona do concello e que se consolidou como unha feira de referencia para as producións locais e para o sector” e encadrou a organización “nas iniciativas que desenvolvemos desde o goberno municipal para apoiar o noso sector primario”
Daniel García destacou “a importancia destas iniciativas de promoción e comercialización directa que apoian a produción de alimentos de proximidade e a diversificación produtiva no sector primario, neste caso, unha actividade como a apicultura que xera rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúe ao mantemento do medio natural”.
A feira compleméntase cun programa lúdico cunha demostración de cociña -a cargo de Cristina Tizón- , un obradoiro de cociña infantil, un magosto popular e animación musical e espectáculos infantís no recinto durante toda a xornada.
Ademais, na véspera da feira, celébrase unha xornada técnica cunha cata de mel na que poden participar as producións agrícolas do concello e na que se recoñecen os dous mellores meles de montaña e o mellor mel monofloral de breixo.


