Xabier Díaz actuará en Riotorto o 18 de abril, na véspera da Feira do Ferro

A Vicepresidencia da Deputación colaborará na programación da Feira do Ferro de Riotorto cun concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o día 18 de abril, sábado.

“A actuación amplía o impacto dinamizador da feira a toda a fin de semana e pon en valor o traballo de montaxe previo ás demostracións e obradoiros dos ferreiros, que se desenvolve durante esa tarde”, destaca a Vicepresidencia da Deputación, que engade: “a actuación encádrase na programación que a área de Cultura organiza por toda a provincia en colaboración co tecido asociativo e cos concellos para fomentar a presenza da música tradicional e dos artistas e bandas de música en galego en festivais, festas e celebracións populares”. 

Ademais a deputada Iria Castro trasladou á Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto o apoio da Vicepresidencia da Deputación na súa labor de recuperación e documentación da tradición do ferro en Riotorto, “unha actividade que intensificaron nos dous últimos anos coa colaboración da área de Cultura e que permitiu catalogar e rexistrar ferramentas e técnicas propias dos oficios vinculados ao ferro, así como afondar nos precedentes dunha actividade que a mediados do século XX empregaba a máis 200 persoas no concello. Nesa liña nos últimos meses a asociación recreou as chamadas ferrerías de monte, nas que se obtiña ferro mediante un proceso de redución química, do mesmo xeito que se fixo durante milenios”.

A deputada reiterou o compromiso da institución provincial durante unha visita a unha das moas de auga nas que se afiaban as ferramentas elaboradas polos ferreiros, parte do patrimonio etnográfico que a asociación reivindica como recurso para a dinamización social e turística do concello.

Iria Castro subliñou “a importancia de conservar e dar visibilidade ao patrimonio etnográfico e ao coñecemento xerado arredor da artesanía do ferro, que é unha sinal de identidade de Riotorto” e destacou que “afrontar o reto colectivo que implica dar continuidade a este oficio e manter o seu legado patrimonial esixe memoria e orgullo do propio, que é o que nos trasladan cada vez que temos a oportunidade de reunirnos cos ferreiros de Riotorto”.