
Barreiros acolle a undécima edición da carreira popular Benquerencia Terra-Mar que se celebrará este sábado, día 9 de agosto, na parroquia de San Pedro de Benquerencia. A proba está integrada no circuíto de carreiras Populares +kmsBarreiros, promovido polo Concello de Barreiros, sendo esta a cuarta das seis probas que o compoñen.
Ao acto de presentación acudiron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero; e representantes da Asociación Deportiva Augas Santas, entidade organizadora da carreira.
Desde a organización sinalan que as inscricións permanecerán abertas ata este xoves, 7 de agosto, e que “todas as persoas participantes na categoría absoluta recibirán un agasallo, cando menos, diferente do habitual”. Tamén agradecen a colaboración institucional “para garantir o éxito e a continuidade deste tipo de probas”.
A carreira Benquerencia Terra-Mar é “unha das máis singulares do circuíto, xa que combina asfalto cun tramo de praia, ofrecendo así un percorrido de 7 quilómetros do máis atractivo para persoas afeccionadas ao deporte. Tamén contará con distancias axustadas segundo as idades para as categorías de menores”.
Toda a información da carreira e o proceso de inscrición está dispoñible na web do circuíto: www.maiskmsbarreiros.gal.