A XIII Xuntanza de Cantos de Taberna en Mondoñedo será o 13 de setembro

A asociación Gaita Escola, de Mondoñedo, organiza o sábado 13 de setembro a XIII Xuntanza de Cantos de Taberna. O encontro terá lugar desde as 20:00 horas, cando 17 grupos de diferentes puntos de Galicia cantarán e tocarán polos bares e tabernas mindonienses.

Gaita Escola destaca que “o evento está máis que consolidado e a organización conta con xuntar ao redor 200 participantes entre músicos e cantareiros/as. Como novidade este ano celebrarase unha sesión vermú na Praza do Concello ás 14:00 co grupo tradicional Varacuncas. Nesta edición seguimos mantendo o obradoiro de iniciación ao baile tradicional, que se impartirá ás 17:30 horas na Praza do Concello. É unha actividade aberta a todos os públicos e de balde onde se poñerán en práctica os principais puntos de muiñeira e xota. Pero aínda hai máis, Gaita Escola convida a seguir a festa cunha foliada aberta na Praza do Concello a partir das 23:30 horas onde todo o mundo ten cabida para tocar, bailar e gozar coa música tradicional”.

A organización agradece a participación á hostalería mindoniense: A Taberna da Galiana, A Taberna do Valeco, Abadía, Bar Castro, Faragullas, O Palique, O Petisco, O Porriño, O Rei das Tartas, O Rincón de Mondoñedo, Vinoteca Segundo, Una Taza de Vida, Cantina Fenix e Pulpería Mario. Así mesmo ao Concello de Mondoñedo, á Deputación Provincial de Lugo, á Xunta de Galicia, á asociación cultural O Pasatempo e Vinos Rico xa que “entre todos fan posible o evento. Por último, recordar que todo isto enmárcase nas festas patronais que Mondoñedo celebra na honra da Virxe dos Remedios os días 13, 14 e 15 de setembro, ás que tod@s estades convidad@s”.