A xornada de surf feminino Iberdrola Surfing Day Burela terá lugar na praia da Marosa o 12 de setembro

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, mantivo un encontro na praia da Marosa cos responsables da Federación Española de Surfing para ultimar a programación do Iberdrola Surfing Day Burela, un evento deportivo e divulgativo que terá lugar o vindeiro 12 de setembro neste areal mariñán. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou contratar á Federación para levar a cabo a organización deste evento que desenvolverá actividades dirixidas tanto a deportistas como ao público en xeral.

Carmela López destacou que esta iniciativa representa “unha nova aposta da Deputación por combinar deporte, igualdade, promoción turística e respecto polo medio mariño, aproveitando o enorme potencial do litoral lucense”. Neste senso subliñou que “a praia da Marosa converterase no epicentro do surf feminino nacional e para seguir consolidando a Mariña como un destino de referencia para o turismo deportivo e sostible”.

A presidenta lembrou que “a igualdade é un dos eixos prioritarios da acción do goberno da Deputación, contribuíndo a eliminar barreiras, crear referentes femininos e fomentar unha maior participación das mulleres de forma transversal. O Iberdrola Surfing Day Burela contribuirá a dar visibilidade ao surf feminino entre as novas xeracións, promovendo a igualdade de oportunidades a través do deporte e transmitindo valores como o esforzo, a superación e o traballo en equipo”, afirmou.

A Deputación de Lugo explica que A programación do Iberdrola Surfing Day Burela “desenvolverase ao longo de toda a xornada combinando deporte, formación, divulgación e sensibilización ambiental. O evento terá como principal atractivo unha masterclass e un clinic de surf impartidos pola deportista internacional Janire González Etxabarri, unha das grandes referencias do surf español, quen compartirá a súa experiencia coa canteira feminina galega a través dunha sesión práctica na auga, correccións técnicas personalizadas e un encontro coas participantes. A xornada incluirá tamén bautismos gratuítos de surf dirixidos a mulleres sen experiencia previa, co obxectivo de facilitar o acceso a este deporte e fomentar a súa práctica entre novos públicos. Ademais, celebrarase o encontro Muller e Deporte, unha mesa redonda aberta ao público na que representantes institucionais, da Federación Española de Surfing, de Iberdrola e deportistas de referencia abordarán cuestións como a igualdade no deporte, a importancia dos referentes femininos ou o futuro do surf olímpico. O programa completarase cun espazo aberto á cidadanía con actividades de dinamización, un photocall institucional, música e diferentes propostas divulgativas sobre sustentabilidade e protección do medio mariño, reforzando o compromiso do evento coa conservación da contorna e coa promoción dun modelo de turismo deportivo responsable”.