Xove acolle este sábado, 24 de outubro, a XVII Foliada da Mariña

O Concello de Xove anuncia que a Asociación Cultural Saíñas organiza este sábado, 24 de outubro, a XVII Foliada da Mariña, “unha cita imprescindible para os amantes da música e do baile tradicional galego. A celebración terá lugar a partir das 17:00 horas na praza do Concello de Xove, onde os asistentes poderán gozar dunha tarde e noite cheas de música, baile e tradición”.

A foliada contará con diversas actuacións que amenizarán a xornada e que “converterán Xove nun punto de encontro para todas aquelas persoas que desfrutan do noso folclore e das nosas tradicións”, explica o Concello, que engade: “a maiores da participación dos distintos grupos de bailadores, gaiteiros e pandereteiras da A.C Saíñas a partir das 17:00 horas tamén serán participes desta foliada O Arco da Vella, Gamelas e Anduriñas e Pensamento e Sementeira. Pola noite, a partir das 21:00 horas contarán coa actuación de Alana e Os do fondo da barra; e logo, a partir das 00:00 horas, haberá foliada libre”.

Desde o Concello de Xove agradecen á Asociación Cultural Saíñas “o seu traballo constante na promoción e difusión da cultura tradicional galega, así como o seu compromiso por manter vivas as nosas raíces e levar o nome de Xove máis alá das nosas fronteiras. Convidamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse á praza do Concello para compartir unha xornada festiva, desfrutar das actuacións e vivir de preto a riqueza da música e do baile tradicional. A XVII Foliada da Mariña promete unha tarde e unha noite de diversión, convivencia e tradición galega. Unha oportunidade perfecta para reunirse, bailar e celebrar a cultura que nos identifica”.