Xove celebra o sábado 16 de maio a tradicional Festa das Fillas de María

O Concello de Xove e a Asociación de Festexos Montevelle organizan para o sábado 16 de maio unha nova edición da Festa das Fillas de María, coñecida popularmente como Festa das Flores, “unha cita xa consolidada no calendario festivo local que encherá de vida, tradición e cor a zona vella da vila, nas inmediacións da igrexa parroquial”.

A programación dará comezo ás 10:30 horas coa apertura de diferentes postos que conformarán un mercado tradicional ao longo da rúa Nosa Señora do Carme. Ademais o público poderá gozar de demostracións de oficios tradicionais, “poñendo en valor o saber facer artesanal”, anuncia o Concello de Xove, que engade: “durante a mañá a Asociación Cultural Saiñas e a charanga NBA animarán Xove cos seus pasarrúas, creando un ambiente festivo e participativo. Ás 13:00 horas celebrarase a misa con ofrenda floral á Virxe, un dos actos centrais da xornada, que dará paso a unha sesión vermú amenizada polo grupo D-Kris. Xa pola tarde a festa continuará con propostas pensadas especialmente para a infancia, entre as que destacan inchables, un obradoiro de cerámica e o contacontos teatralizado Divers@s, a cargo de Bátega Teatro. A xornada festiva culminará pola noite cunha verbena animada novamente polo grupo D-Kris e a Disco Móbil Conxuro. Como peche, terá lugar unha queimada popular para todas as persoas asistentes”.

Ademais o Concello de Xove destaca que “cómpre salientar tamén a coidada decoración floral, un dos sinais de identidade desta celebración, que cada ano engalana espazos como a rúa da Igrexa e a rúa Doutor José Baamonde Illade, ofrecendo un atractivo visual destacado para veciñanza e visitantes. Ademais nesta edición a festa tamén incorpora un elemento especial de carácter cultural, sumándose á celebración do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado a Begoña Caamaño. Así, a decoración contará con frases da autora, integrando literatura e tradición nun mesmo espazo festivo”.

O Concello de Xove e a Asociación de Festexos Montevelle convocan aos establecementos locais a ser partícipes desta festa coa proposta de incluír nos seus locais elementos e produtos  relacionados coas flores, coa vestimenta indicada para esta festa (roupas de cor branca con complementos azuis) e coas Letras Galegas, pola proximidade da data.

Desde a organización convídase a toda a veciñanza a participar e gozar dunha “xornada única que combina cultura, tradición, música e identidade local”.