
A Cadeira, en Trabada, acollerá este sábado 9 de agosto a súa tradicional Xira na honra a San Marcos, “unha cita consolidada no calendario estival do municipio que este ano cumpre a súa vixésimo segunda edición”, anuncia o Concello de Trabada, que explica: “a xornada festiva dará comezo ás 13:30 horas coa procesión en honra ao santo. A continuación terá lugar unha animada sesión vermú amenizada por SP The Sound Project, que se prolongará ata que o corpo aguante. Ás 15:00 horas as persoas asistentes poderán desfrutar dunha degustación gratuíta de xamón cocido e empanada na cantina, incluída coas consumicións. Pola tarde os máis pequenos serán os protagonistas, con inchables gratuítos para desfrutar en familia. A festa culminará coa verbena nocturna, tamén a cargo de The Sound Project, nun ambiente de convivencia, música e diversión para todos os públicos”.
O Concello de Trabada colabora na organización do evento, xunto á Parrillada Mario de Lugo. O alcalde, Rubén García, destaca: “desde o Concello continuamos colaborando con todas as asociacións, comisións de festas e entidades que traballan por manter vivas as tradicións nas nosas parroquias. Estas festas son fundamentais para dinamizar a vida local, fortalecer os lazos veciñais e atraer visitantes ao noso territorio”.
Desde o Concello de Trabada anímase a veciñanza e visitantes a participar nesta xornada festiva na Cadeira e seguir apoiando estas iniciativas que “contribúen a manter viva a identidade cultural do municipio”.