A Casa da Ría, en Ribadeo, acollerá este sábado, 16 de abril, unha xornada sobre a construción e colocación de trampas para a avespa velutina.

A Casa da Ría, en Ribadeo, acollerá este sábado, 16 de abril, unha xornada sobre a construción e colocación de trampas para a avespa velutina.
 
O Concello de Ribadeo e a asociación apícola Os Abelleiros organizan unha xornada sobre a construción e colocación de trampas para loitar contra a avespa velutina. Terá lugar na Casa da Ría, que está no monte Santa Cruz, este sábado día 16 ás catro da tarde con entrada libre e gratuíta para todos os interesados.
 
Esta actividade foi presentada hoxe na Casa do Concello ribadense. O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “a asociación Os Abelleiros, recentemente constituída en Ribadeo, está espertando un enorme interese e logrando un gran participación en todo o que está promovendo nestes últimos tempos. E agora vamos presentar unha nova iniciativa, que estou convencido de que vai ter moita repercusión tanto no mundo das profesionais das abellas e do mel como na poboación en xeral, porque estamos vivindo unha situación moi comprometida con esta invasión da avespa asiática, que está facendo verdadeiros estragos na poboación autóctona de abellas do noso país. A xente está moi preocupada e non é infrecuente, é xa case normal, ver esta proliferación de niños de avespas velutinas non soamente nas fragas, nos bosques, nos montes senón tamén xa moitas veces nos ámbitos urbanos. Están colonizando todo este territorio e iso vai en detrimento das nosas abellas. De aí que está asociación e o Concello queiramos facer este sábado ás catro da tarde unha xornada formativa sobre como elaborar e colocar trampas para ir poñéndolle couto a esta invasión de avespa asiática”
 
O rexedor municipal engadiu que “para minimizar este impacto queremos colocar estas trampas co fin de atrapar ás raíñas, que son o xerme de todos os enxames e temos que ir localizándoas para evitar que vaian creando novos niños, sobre todo na primavera. Polo tanto queremos facer unha xornada aberta aos profesionais e aos que non o son, pero que queiran colaborar: familias, asociacións, etcétera. Durante esa xornada explicarase como construír trampas, como meterlles o líquido para atraelas e logo colocalas en puntos estratéxicos, onde se atoparon os niños na tempada pasada, onde hai abellas, onde hai regatos, … O máis importante de todo isto é que as persoas que constrúan estas trampas, coa axuda e co bo facer dos membros da asociación Os Abelleiros, poidan apadriñalas. Isto significa que se responsabilicen do seu coidado e de ir meténdolles periodicamente os atraíntes que provocan que a avespa asiática chegue a esa trampa; e logo hai que limpar e extraer as avespas asiáticas mortas. Medidas coma esta que se aplicará en Ribadeo se se van multiplicando pola comarca entre todos, pasiño a pasiño, iremos tentando controlar un pouco máis esta praga”.
 
O secretario da asociación Os Abelleiros, Antonio Valea, resaltou “a importancia de poñer as trampas agora, nestas datas, porque no verán cóllense moitas máis avespas velutinas, pero facelo agora é importantísimo porque se collen as raíñas, que son as que fundan as colonias e as que temos que eliminar para evitar os niños. Nesta xornada vamos explicar como se traballa con atraíntes caseiros naturais e tamén dos que hai comerciais. Ademais ensinaremos como se fan as trampas caseiras, con botellas de plástico que nos sobran. Non é só para apicultores senón para todo o mundo: os que teñen árbores froiteiras, os que están preocupados polo medio ambiente; ou sexa, para todo tipo de xente”.
 
O presidente de Os Abelleiros, Marcos Villamil, especificou que “esta xornada non só está encamiñada aos apicultores profesionais senón tamén á xente que acode a nosoutros porque lles comen a froita, lles matan as abellas que teñen e descoñecen a metodoloxía para atacarlle ao ciclo desta especie. Desde a nosa experiencia, o que lemos e os cursos aos que fomos vamos intentar poñer en coñecemento de todas as persoas que acudan os diferentes atraíntes que hai: con viño, con azucre, con distintos produtos alcohólicos,… E tamén dar a coñecer os atraíntes comerciais, para que saiban que os hai e despois que utilicen os que mellor lles vaian para facer o maior número de capturas, sempre salvagardando as especies autóctonas e facendo o menor dano posible ao medio natural. Nosoutros nesas trampas facemos uns furadiños na parte superior cunhas medidas específicas para que poidan saír outras especies, como moscas, mosquitos, mariposas, avelaíñas e outras especies autóctonas, para as que as velutinas tamén son as súas principais depredadoras agora mesmo. Esta especie abastécese de abellas, porque lle resulta moi cómodo estar na colmea comendo, pero cando non ten abellas tamén depreda bolboretas, saltamontes, moscas e todo tipo de especies autóctonas”.
 
Marcos Villamil engadiu que a deste sábado “será a segunda xornada que facemos en estreita colaboración co Concello, ao que quero agradecerlle a axuda prestada en todo momento”. Ademais anunciou que “queremos facer cursos de iniciación para a xente que se queira iniciar na apicultura e sobre a importancia da abella no medio natural; temos gañas de divulgar a  entre os nenos, a través dos colexios, a importancia da abella para o medio ambiente”.