A I Carreira Nocturna Burela Bonita, que se celebrará o 23 de xullo, percorrerá as rúas máis céntricas da vila.

A I Carreira Nocturna Burela Bonita, que se celebrará o 23 de xullo, percorrerá as rúas máis céntricas da vila.
 
As rúas máis céntricas da vila acollerán a I Carreira Nocturna Burela Bonita o vindeiro 23 de xullo a partir das 21:30 horas. O evento deportivo foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, que estivo acompañado de Simón González (corredor afeccionado de Burela), Pablo Mon (co organizador) e Iván Cao “Lucas” (técnico de Deportes do Concello burelés). A proba percorrerá unha distancia de 10 quilómetros. 
 
Nesta iniciativa tamén participa a empresa Championchip Norte e a inscrición poderá facerse na páxina web www.champiochipnorte.com, o custe da inscrición será de 7 euros e nese prezo incluirase a camiseta, o seguro deportivo e o chip da carreira, que contará con premios para distintas categorías. Esta proba vai encadrarse dentro do circuito Tour Mariña que conta con 4 probas (Burela, Viveiro, Foz e Ribadeo) das que é obrigatorio participar en 3 para entrar na clasificación xeral.
 
O concelleiro de Deportes sinalou que “vai a ser a primeira vez que Burela conte cunha proba destas características e quero agradecer a toda a xente que se implicou na organización da mesma”. Ramiro Fernández Rey destacou que “se trata dunha carreira nocturna que fará máis bonita a proba e que tamén axudará a que a hostalería local se beneficie da mesma, que é un dos obxectivos que se busca, ademais de propiciar que xente afeccionada ao deporte do running poida vir a coñecer o noso pobo”.
 
Dende a organización márcanse o obxectivo de contar cando menos con 300 participantes: “a pesares de ser unha cifra ambiciosa, se está a traballar na divulgación da proba para conseguilo e queremos agradecer de antemán a colaboración que fan as empresas que están a colaborar para a financiación desta carreira e animar a todas aquelas que poidan estar interesadas en patrocinar dalgún xeito a que se poñan en contacto coa organización para poder ver a colaboración no patrocinio da proba”.
 
O edil de Deportes engadiu que “dende o Concello entendemos que este tipo de actuacións favorecen a vida económica e social de Burela, e dende as diferentes áreas do equipo de goberno imos traballar para que Burela teña actividade durante todo o verán tanto para os veciños como para os visitantes desta época estival e esperamos que tanto no mes de xullo como no mes de agosto Burela vaia a contar con actividades atractivas”.