A parroquia de Sargadelos será escenario dun encontro de arte e cultura de vangarda, denominado Gadélica, do 29 ao 31 de xullo.

A parroquia de Sargadelos será escenario dun encontro de arte e cultura de vangarda, denominado Gadélica, do 29 ao 31 de xullo.
 
A parroquia de Sargadelos acollerá un encontro de arte e cultura de vangarda, denominado Gadélica, do 29 ao 31 de xullo. O evento foi presentado hoxe no lugar onde se vai celebrar cun acto no que participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a concelleira de Cultura, Dolores García, e outros membros da organización: Miguel Bazarra, Ramón Cordido, Alberto Casas e Emilio Sacarrera.
 
Sobre o Encontro Contemporáneo Interdisciplinar de Arte e Cultura de Vangarda Gadélica, o rexedor municipal explicou que “vai ser un encontro de arte e culturas de vangarda que vai ter lugar entre o 29 e o 31 de xullo, un evento no que desde o Concello de Cervo levamos traballando xa desde o ano pasado, en colaboración con distintas persoas que teñen relación co espectáculo e co noso concello. Entre todos buscamos a idea de que Sargadelos, que foi unha vangarda industrial nos seus tempos, cando Ibáñez fixo as primeiras fundicións e posteriormente Cerámica de Sargadelos; e despois seguiu sendo vangarda con Seoane e con Díaz Pardo, coa nova fábrica de cerámica; e quere seguir sendo vangarda, neste caso en disciplinas que creo que nos identifican bastante a Sargadelos e ao conxunto do concello de Cervo, como son o arte e a cultura. É un encontro co que desde o Concello o que pretendemos facer é poñer como referencia, como xa está pero máis aínda se cabe, a Sargadelos, non soamente no ámbito autonómico senón tamén no español e incluso internacional, porque vai ser un evento no que participarán tamén artistas de fóra do noso país”.
 
Alfonso Villares engadiu que “este encontro queremos que perdure no tempo. Facemos Gadélica porque queremos que o nome de Sargadelos siga retumbando máis aló das nosas fronteiras, como o leva facendo ata agora”.
 
E a edil de Cultura destacou que “Gadélica é un evento que vai ser o único de estas características que se vai desenvolver no noroeste da Península Ibérica, concretamente no concello de Cervo e nunha zona dunha gran riqueza cultural, como é Sargadelos. Desta forma achéganse diferentes culturas, músicas, artes e coñecementos ao noso concello, xa que está previsto que artistas de todas as disciplinas e de diversos lugares do mundo amosen as súa arte. Á vez que veñen artistas internacionais, Cervo amosará o seu patrimonio artístico cultural da zona de Sargadelos e a súa historia. Así dende o Concello seguimos apoiando todas as iniciativas que favorezan cultural e economicamente ao noso municipio”.