A piscina olímpica de San Ciprián acollerá do 29 ao 31 de xaneiro o campionato galego de natación junior e infantil de inverno.

A piscina olímpica de San Ciprián acollerá do 29 ao 31 de xaneiro o campionato galego de natación junior e infantil de inverno.
 
O concelleiro de Deportes en Cervo, José Ramón Soto, explicou hoxe que a este campionato “prevese a asistencia de cerca de 300 participantes dos 23 clubs de toda a xeografía galega. Dende o Concello de Cervo entendemos que se trata dun gran evento deportivo, que ademais contribúe dunha forma moi positiva á promoción da comarca da Mariña, xa que esta competición arrastra a visita de moita xente e todo fai indicar que o sector hostaleiro da zona se verá moi beneficiado pola cantidade de xente que acudirá a este evento e que, aparte de presenciar a competición, terán a oportunidade de coñecer os numerosos encantos naturais que ten a nosa comarca”.
José Ramón Soto engadiu que o campionato “contará coas mellores promesas da natación galega e, sen lugar a dúbidas, algúns pasarán á competición nacional e posiblemente pronto os veremos no cartel internacional, xa que este tipo de probas puntúan para o campionato de España”.
O edil de Deportes destacou que “Cervo é o único concello da provincia de Lugo que conta con este tipo de instalacións que permiten disputar un campionato deste nivel. E dende o Concello trasladamos a invitación a todos aqueles veciños da Mariña e visitantes que desexen acercarse a San Ciprián para presenciar de xeito totalmente gratuíto esta atractiva competición”.