A programación cultural de Foz para outubro inclúe teatro para todos os públicos, cine e maxia. Arrinca o día 1 cun espectáculo para os máis pequenos.

A programación cultural de Foz para outubro inclúe teatro para todos os públicos, cine e maxia. Arrinca o día 1 cun espectáculo para os máis pequenos.
 
A programación cultural de Foz para o vindeiro mes de outubro comeza este sábado, día 1, con teatro infantil na Casa da Cultura.
 
A concelleira de Cultura, Silvia Blach, anunciou que “o sábado, día 1, na Casa da Cultura ás 19:00 horas temos teatro infantil coa compañía Elefante Elegante, que representará a obra O rueiro das liortas. É unha proposta escénica dirixida a todos os públicos e inspirada na comedia da arte italiana, especialmente pensada para o tempo de lecer. O venres 7 ás 18:00 horas, tamén na Casa da Cultura, Trinke Trinke Teatro fará a obra O coelliño branco. Está dirixida a nenos de 3 a 8 anos, dentro do programa Ler conta moito. Tamén na Casa da Cultura, pero ás 20:30 horas, o venres 7 teremos teatro co grupo Fantoches Baj e a obra Os vellos non deben namorarse. Esta obra de Castelao é moi interesante para que a vexa todo o mundo. Son soamente setenta minutos e merece moito a pena ir vela”.
 
Silvia Blach engadiu que “o xoves 13 teremos cine na Casa da Cultura ás 20:30 horas; por un módico prezo de 3 euros veremos a película Macbeth. É do ano 2015, dirixida por Justin Kurzel e con Michael Fassbender, entre outros actores como Marion Cotillard ou Sean Harris. O venres 14 ás 18:00 horas teremos A illa d@s nen@s, de Divermaxia, que é unha obra dedicada a nenos de 5 a 12 anos, tamén dentro do programa Ler conta moito. O sábado 15 ás 18:30 horas na Sala Bahía, destinado ao público infantil, teremos ao Mago Rafa con Magicomedia. Hai que pagar un prezo módico: os nenos 1,5 euros e os adultos 2,5 euros. O xoves 20 ás 21:00 horas na Casa da Cultura teremos teatro co o grupo Chévere, que vai facer As fillas bravas. Por un módico prezo de 3,5 euros poderemos ver a tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta, como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque son todas fillas do vento, mulleres de andar a pé de toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. O venres 28 ás 21:00 horas tamén na Casa da Cultura volveremos ter teatro con Cándido Pazó, que ofrecerá un monólogo cómico e será tamén por un prezo módico de 3,5 euros”.