A programación cultural de Ribadeo inclúe para os vindeiros meses as actuacións de Amancio Prada e Sés, entre outros

A programación cultural de Ribadeo inclúe para os vindeiros meses as actuacións de Amancio Prada e Sés, entre outros

 

Hoxe segue a programación cultural do Concello de Ribadeo para o primeiro trimestre do ano. Será co concerto de Oh Trío ás 21 horas no Teatro, dentro do ciclo das Músicas Posíbeis. Estre grupo presenta o seu novo traballo discográfico baseado en melodías tradicionais do Cancioneiro Galego de E.Martínez Torner / J.Bal y Gay. E a oferta para os máis pequenos iníciase do domingo, 1 de febreiro, ás 17.30 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval con R. Redrum Teatro que presenta Roedores, unha fábula sobre a igualdade e a superación das diferenzas. 

Segundo explica a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, “a oferta estable no ámbito teatral ten polo menos outros 3 títulos ata o mes de xuño aos  que previsiblemente se sume algún máis. En cartel estará Pequenos actos revolucionarios de Ibuprofeno Teatro, premio María Casares á mellor actriz para Marián Bañobre e ao mellor texto orixinal para Santiago Cortegoso. Tamén chegará a Ribadeo o Misterio cómico, de Darío Fo con Teatro do Morcego. E haberá teatro afeccionado neste trimestre. Temos programado Soños dun sedutor, de Woody Allen , a cargo do grupo Tolemia”. 

Os nenos e as nenas gozarán nas vindeiras semanas co teatro musical e a última montaxe de Magín Blanco, o autor da exitosa A nena e o grilo. “Desta vez os pequenos de Ribadeo disfrutarán da súa nova proposta: Gatuxo. Coma sempre nas vacacións de Semana Santa increméntase o número de actividades. Entre elas a Omix organiza o concerto de Pablo Díaz Xente miúda, pouca fartura. E moi pendentes de que a nosa oferta chegue ao máximo número de nenos e nenas posible esta Concellaría fai tres contratacións dirixidas ao alumnado dos centros de ensino e tendo en conta tres  tramos de idade. Baobab e o seu Martes, para os máis pequeniños; Títeres Trompicallo e o O anano saltarín para os que son un pouco máis grandes e finalmente de novo A Panadaría para ESO e Bacharelato”.

Álvarez Lastra subliñou que “temos polo que á plástica se refire unha efeméride importante este ano. Cúmprense 10 anos do pasamento de Suso Peña. Na sala da Omic de Ribadeo vanse dar cita 18 artistas da comarca nunha exposición que contará coa inestimable colaboración tamén de Gráficas Lar, de Viveiro”. 

Tamén se inclúe na axenda cultural de Ribadeo, aínda que está organizada pola Concellaría de Turismo e Desenvolvemento Local, a celebración do Día dos Humidais. O 7 de febreiro haberá un relatorio sobre as aves da ría a cargo do profesor Díaz-Formentí e logo pola tarde un roteiro guiado por especialistas en aves e para o que haberá que inscribirse. 

Dentro do ciclo Músicas Posíbeis “temos tamén dúas excelentes propostas de música de tango. Primeiro con Jorge Giuliano, o guitarrista acompañante durante 6 anos de Mercedes Sosa, e seguiremos con Nuestro Tango. A música de acordeón protagonizará outra das nosas sesións no Teatro con 5 intérpretes de Euskalherría”, seguiu a relatar a concelleira de Cultura. Mariluz Álvarez Lastra engadiu que “Sés, que está a piques de presentar o seu novo traballo discográfico, estará con nós o 18 de abril. Neste 1º semestre como é habitual tamén teremos os concertos da BMMR: da Semana Santa e das Letras Galegas. E rematamos dicindo que duns anos para aquí estase a institucionalizar o día 24 de febreiro, nacemento de Rosalía de Castro, como a data que recoñece a figura galega e universal da nosa escritora. O Concello de Ribadeo quere unirse un ano máis a esta celebración e desta vez farao cunha das voces coas que máis identificamos a poeta de Padrón. Amancio Prada actuará no noso auditorio o sábado 21 de febreiro”. 

A edil nacionalista dixo que “dentro duns días darán comezo todas as actividades do Entroido, que darán comezo o 7 de febreiro e rematarán o 21”.